CULTURA

Williams, Gilchrist, Watts e Vignoles, na XIV edición do Ciclo de Lied

04/09/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron en rolda de prensa a XIV edición do ciclo de Lied que se celebra na cidade do 17 ao 24 de setembro. Este ano farase baixo o epígrafe de "Centenario Britten: A Canción Inglesa no século XX" e nel contaremos co barítono Roderick Williams, o tenor James Gilchrist e a soprano Elizabeth Watts. Todos acompañados, como é habitual, polo pianista Roger Vignoles, alma do ciclo e que dará unha conferencia o día 18 na Facultade de Xeografía e Historia.

Dende o ano 2000, preséntase en setembro en Santiago este ciclo, único en Galicia e mesmo en España, que se caracteriza pola orixinalidade á hora de presentar cada ano unha visión diferente do escasamente difundido xénero musical do lied e a canción de cámara. O seu cartel está cheo de cantantes de sona no panorama da lírica internacional. Así, ao longo destes doce anos pasaron polo Teatro Principal figuras de recoñecido prestixio como Angelika Kirchschlager, John Mark Ainsley, Camilla Tilling, Mark Padmore, Bernarda Fink, Thomas Allen, François Le Roux, Monica Groop, Sarah Walker, Robert Hall, Werner Güra, Sandrine Piau, Christoph Pregardien etc.

Peza angular desta programación é un dos grandes e máis recoñecidos especialistas no xénero, o pianista inglés Roger Vignoles, que é codirector artístico do Ciclo. Para a edición do 2013 e coincidindo co centenario do nacemento dun dos grandes mestres da canción do século XX, Benjamin Britten, deseñouse un programa moi especial no que se conmemora a este compositor inglés que ocupa un posto primordial na historia da música situándoo no seu contorno artístico, o dunha fecunda escola de composición de canción, a inglesa, que apenas tivo difusión fóra das illas británicas.

Unha oportunidade única para gozar dun fermoso, rico e descoñecido en España patrimonio musical da man de intérpretes de contrastada reputación internacional: o barítono Roderick Williams (17 de setembro), o tenor James Gilchrist (20 de setembro), e a soprano Elizabeth Watts (24 de setembro) Neste ciclo de lied teremos a oportunidade de escoitar aos grandes mestres da canción británica dos séculos XIX e XX, con Benjamin Britten á cabeza, xunto a obras de autores contemporáneos vivos como Elaine Hughes ou do recentemente falecido Richard Rodney Bennett.

As entradas están á venta na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas) ou en Novagaliciabanco (no 902 434 443 ou en entradas.novagaliciabanco.es) a un prezo de 8 euros para os concertos de Williams e Gilchrist. O concerto de clausura, o de Watts, será de entrada libre previa retirada de invitación.

XX aniversario do Grupo de Cidades Patrimonio
Este último concerto enmárcase ademais nos actos de conmemoración do XX aniversario da constitución do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Precisamente, mañá xoves abriranse estes actos coa colocación dunha bandeirola conmemorativa deste aniversario nas 13 cidades ás 12:15 horas. En Santiago, o alcalde presidirá a colocación desta lona no Pazo de Bendaña (praza do Toural).

Os actos continuarán coa celebración en Ávila, os días 16 e 17 de setembro, da Asemblea de Alcaldes do GCPHE. Alí tamén se celebrará un evento institucional no que participarán os que foran alcaldes das cidades no momento de constitución do Grupo hai 20 anos.

A propósito das actividades do GCPHE, Ángel Currás quixo destacar a posta en marcha da denominada "Aula de Patrimonio", que permitirá a un centro educativo de cada cidade Patrimonio viaxar a outra, onde serán guiados polo correspondente colexio anfitrión. Proximamente abrirase a convocatoria para este programa.

Documentos relacionados



Compartir: