SOSTIBILIDADE

O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela prepara novas actividades

04/09/2013 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), situado no antigo curtidoiro de Belvís, prepara novas actividades a partir destes outono, tanto para centros educativos como para os cidadáns de Santiago en xeral. Ao longo deste mes de setembro pecharase un programa que incluirá visitas escolares, obradoiros de agricultura ecolóxica ou roteiros, entre outras actividades.

A concelleira de Sostibilidade, María Pardo, expresou a súa satisfacción polo funcionamento do CIAC nestes primeiros meses da súa nova etapa. Agora, dixo, un dos obxectivos fundamentais é seguir dando a coñecer este centro aos propios composteláns, co fin de que o visiten e participen activamente nas súas actividades.

Paula Lubián, en representación de Feitoría Verde (adxudicataria da xestión do centro), lembraron que, durante este mes de setembro, o CIAC seguirá co horario de verán: de martes a xoves, de 17:00 a 19:00 horas, e festivos e fins de semana, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas. Xa dende outubro, o centro abrirá as fins de semana e festivos de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 19.00 horas.

Neste mes de setembro intensificaranse os contactos cos centros educativos para darlles a coñecer as propostas de actividades para os diferentes niveis educativos, consistentes fundamentalmente en visitas dos escolares ao CIAC e en visitas dos monitores aos propios centros educativos. Para difundir estas propostas ao persoal docente realizarase por segunda vez unha xornada de portas abertas.

Pero ademais, dende o CIAC preparan actividades para toda a cidadanía. Segundo explicou Paula Lubián, o obxectivo é programar, cando menos, unha actividade ao mes. Así, faranse obradoiros relacionados sobre todo relacionados coa agricultura ecolóxica, ao fío da existencia das hortas urbanas de Belvís e Fontiñas. Precisamente en relación con estas, para a primavera organizarase un encontro de horta urbana.

O CIAC tamén programará dous roteiros: un relacionado coa diminución do consumo e da xeración de residuos, e outro sobre o parque de Belvís.

Exposición permanente
Cómpre lembrar que o CIAC conta cunha exposición permanente distribuída en sete salas segundo a temática: a auga, a enerxía, as comunicacións, o consumo, os residuos, as percepcións sensoriais e a biodiversidade. Hai tamén unha sala polivalente, na que actualmente se exhibe outra mostra sobre comercio xusto.

Direccións relacionadas



Compartir: