TURISMO

Turismo de Santiago promocionará a cidade en Brasil, Xapón e San Sebastián durante este mes de setembro

03/09/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, presentou no Pazo de Raxoi tres accións de promoción que desenvolverá Turismo de Santiago neste mes de setembro. Lembrou que o ano 2013 está sendo o mellor da historia da cidade en pernoctacións internacionais, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Entre xaneiro e xullo houbo 248.821 pernoctacións foráneas, que representan un 12,4% máis respecto aos primeiros sete meses do 2012. Este crecemento prodúcese respecto a un ano no que xa se conseguirán as mellores cifras históricas, cun aumento do 10,8% respecto do 2011.

A concelleira apuntou que os datos positivos na evolución do turismo internacional confirman que a estratexia marcada dende Turismo de Santiago no último par de anos está sendo acertada, polo que dende a empresa municipal de promoción turística reforzarase a liña de acción definida: centrarse nos mercados prioritarios para a cidade, Italia, Alemaña, Reino Unido e Francia; pero tamén apuntar dun xeito decidido a mercados que constitúen oportunidades para a cidade. Así, neste mes de setembro faranse dúas accións de promoción en dous destes mercados considerados oportunidades para a cidade: Brasil e Xapón.

Brasil ten sido tradicionalmente o mercado máis importante para a cidade en América Latina. O principal elemento promocional da cidade no país é o escritor Paulo Coelho, que ten continuas referencias ao Camiño de Santiago na súa obra, pero destaca especialmente a súa primeira novela "O peregrino de Compostela (Diario de un mago)", de 1987. Sen embargo, entre 2004 e 2009 houbo un retroceso no número de peregrinos brasileiros, que remontaron no 2010 e alcanzaron o seu mellor ano no 2012.

Dende Turismo de Santiago considérase que Brasil é unha oportunidade porque a cidade ten xa un posicionamento, que hai que saber aproveitar; porque é un mercado de practicamente 200 millóns de persoas, que está vivindo un gran desenvolvemento económico nos últimos anos, permitindo a creación dunha ampla clase media; e porque é un mercado con lazos vitais con Galicia a través da emigración.

Así, Turismo de Santiago participará na principal feira turística profesional do país, a ABAV, que se desenvolverá en Sao Paulo entre o 4 e o 8 de setembro. A ABAV está organizada pola Asociación Brasileira de Axencias de Viaxes. Na edición de 2012 tivo 28.000 visitantes profesionais, dos cales o 89% eran directivos vinculados co proceso de compra. Turismo de Santiago contará cun mostrador propio no stand de España. Na feira manteranse reunións con touroperadores e axentes de viaxes, así como con outros prescritores e prensa especializada.

Xapón, unha oportunidade
Xapón é outro dos mercados que se considera unha oportunidade para a cidade por diversos motivos, entre os que destaca que o turista xaponés é un dos que maior gasto medio ten nas súas viaxes a España, con máis de 2.000 euros por persoa, moi por riba da media dos turistas internacionais e doutros mercados máis próximos a cidade. Por este motivo, a importancia do turismo xaponés para a cidade non ten que medirse só dende unha perspectiva cuantitativa senón tamén cualitativa.

No ano pasado, Turismo de Santiago participou na Jata, a feira turística máis importante de Xapón. Neste ano, tendo en conta que no 2012 se conseguiron os mellores datos do turismo xaponés na cidade, cun aumento do 20% respecto do 2011, e que a conectividade co país asiático é moito mellor grazas a nova conexión con de Turkish Airlines co seu hub de Estambul, Turismo de Santiago reforzará a promoción que se fará no país.

Entre o 12 e o 15 de setembro, Santiago estará presente na feira Jata, onde se manterán reunións con axentes do sector, touroperadores, axentes de viaxes, prensa especializada... Posteriormente, na localidade de Tanabe, punto de referencia do Camiño de Kumano co que se vén colaborando dende hai anos, haberá unha presentación co alcalde da cidade, Ángel Currás, dun plan de promoción conxunto dentro da celebración do Ano Dual 2013/2014.

Reforzo do papel da Film Comission
Finalmente, a Santiago de Compostela Film Commission, servizo de Turismo de Santiago para a promoción da cidade a través do audiovisual, fará unha presentación de Santiago no festival de Cine de San Sebastián, un evento dirixido aos profesionais internacionais que acudan ao certame. O obxectivo é amosar que a cidade é un espazo privilexiado para a rodaxe de produccións internacionais, como no caso de The Way ou a película sobre a vida de Paulo Coelho que se estreará o próximo ano.

A participación da Santiago Film Commission no festival de Cine de San Sebastián responde a intención municipal de revitalizar o servizo, que nos últimos anos dedicábase unicamente a atender as peticións de rodaxes que se recibían, pero non facía un traballo activo. Por exemplo, a última acción de promoción relevante que se fixo fóra de Santiago remóntase á Berlinale en 2009. Nesta estratexia, pese aos recortes nos orzamentos municipais, enmárcanse o estudo da rebaixa nas taxas para rodar na cidade ou a invitación ao presidente da Asociación de Produtores de Cine e Televisión da India, Kulmeet Makkar, quen visitou a cidade a comezos de agosto.

Documentos relacionados



Compartir: