CULTURA

Catro novos concertos no Íntimo & Acústico

02/09/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou a proposta do ciclo Íntimo & Acústico para os vindeiros meses de setembro e outubro. Damien Jurado, Bigott, Pablo Guerrero e Luis Emilio Batallán presentarán os seus últimos traballos no Teatro Principal e a Zona "C" dentro deste ciclo que xa acolleu no que vai de ano a artistas tan diversos como Christina Rosenvinge, The New Raemon, Rubén Pozo, Sr. Chinarro, Luar na Lubre, Sidonie, Aaron Thomas e Albert Pla.

A primeira das propostas será xa este mércores, 4 de setembro, a partir das 21:30 horas no Teatro Principal, con Damien Jurado. Falar de Damien Jurado é facelo dunha das figuras máis relevantes do folk-rock americano no que levamos de século. Foi gañando seguidores no noso país disco tras disco para descolgarse da etiqueta de artista de culto, gozando hoxe en día dunha reputación e dun interese por parte de crítica é público que non deixa de aumentar.

Como preludio á súa actuación no Teatro Principal contaremos coa presenza do talentoso guitarrista William Tyler, que estará presentando o seu segundo disco en solitario, Impossible truth. Este concerto atópase encadrado dentro do ciclo Baixo a vide. Concertos con Denominación de Orixe, unha proposta que une a música máis actual e a cultura vinícola galega e que nesta ocasión contará coa presenza e colaboración da Adega Joaquín Rebolledo.

Tras Jurado chega o 21 de setembro, tamén ao Teatro Principal, o cantautor estremeño Pablo Guerrero, que celebra os seus corenta anos de carreira coa xira Lobos sin dueño, 40ª aniversario de A cántaros. Nela, presenta o seu novo traballo, Lobos sin dueño, que reflicte unha traxectoria musical única polo seu rigor e a súa evolución, ademais de ir debullando toda a súa obra, unha obra traballada, persoal, intimista e poética que conforma unha das carreiras máis longas e ricas da música española.

Remata setembro coa proposta de Bigott o día 26, ás 21:00 horas na Zona C. Bigott (Zaragoza, indie), coa súa guitarra eléctrica e o seu amplificador, lánzanse de xira. Atopámonos ante a oportunidade, inédita ata agora, de escoitar en solitario ao xenio maño, debullando cancións de toda a súa traxectoria especialmente decoradas para a ocasión.

Xa en outubro teremos a ocasión de escoitar a Luís Emilio Batallán. Será o día 17, ás 21:00 horas no Teatro Principal, cando poderemos gozar da música do cantautor compostelán. Batallán, autor dun dos discos máis notables da música galega de todos os tempos: Aí vén o maio, preséntanos o seu último traballo, Había que chegar, dentro dunha xira que o levará por diversos escenarios alternando os recitais que co traballo de preparación do que será, en outono, o seu novo traballo discográfico.

Venda de entradas
As entradas para todos os concertos poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado e días de concerto de 18:00 a 21:00 horas) e os concertos da Zona C tamén o propio día na mesma Zona C. Ademais, dependendo do concerto, tamén hai venda noutros lugares.

Documentos relacionados



Compartir: