SOSTIBILIDADE

O Concello realizará unha auditoría enerxética do alumeado público previa á licitación do novo contrato de mantemento

02/09/2013 A concelleira de Sostibilidade, María Pardo, anunciou o inicio do procedemento para contratar unha auditoría enerxética das instalacións de alumeado público municipais. Estas medicións permitirán obter uns datos necesarios que serán tidos en conta no prego do novo contrato de mantemento do alumeado público, co que o Concello agarda reducir en torno ao 40% da súa factura de consumo enerxético.

Segundo explicou María Pardo, esta auditoría servirá para "realizar unha análise exhaustiva das instalacións e da súa facturación enerxética, avaliando a calidade do servizo e identificando posibles modificacións e melloras, cunha análise tamén dos investimentos necesarios para optimizar e adaptar as instalacións". En concreto, o obxecto do contrato refírese á "realización das medicións, o diagnóstico e análise enerxética da iluminación exterior do Concello, así como a súa facturación, cunha proposta de investimentos e modificacións, co seu correspondente estudo económico, cunha planificación da súa implantación temporal, mediante unha proposta final formalizada nun Plan de Investimentos a levar a cabo que permita xestionar eficientemente as instalacións de Iluminación exterior e a súa facturación, minimizando o mais posible o seus custos".

"A auditoría enerxética será a análise de situación que nos permita coñecer o modo de explotación, funcionamento e prestacións de nosas instalacións de iluminación, o estado dos seus compoñentes, os seus consumos enerxéticos e os seus correspondentes custos de explotación, co obxectivo de mellorar a eficiencia e o aforro enerxético destas instalacións, adecuar e adaptar estas instalacións á normativa vixente e limitar o resplandor luminoso e a súa contaminación lumínica", indicou.

A auditoría abarcará todas as instalacións de titularidade municipal, tanto executadas polo propio Concello como recibidas de promocións privadas. Este estudo comprenderá tanto a iluminación viaria como a ornamental e calquera outro tipo de iluminación exterior fixa que se considere susceptible incluír na auditoría. Así, mediranse os diferentes niveis lumínicos e as luminarias e cadros de alumeado. Á realización desta auditoría destínase un importe de 36.300 euros (IVE incluído) e un prazo máximo de execución de tres meses.

Lembrou a concelleira que esta auditoría será un paso preparatorio e necesario para a posterior contratación dun servizo de mantemento e servizos enerxéticos, que consistirá nun conxunto de prestacións que incluirá a realización de investimentos materiais, obras ou subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos do Concello. Prevese que este contrato estea listo no primeiro trimestre de 2014. O obxectivo municipal é que, grazas fundamentalmente ao cambio de luminarias e á instalación de reguladores de intensidade que teña que facer o adxudicatario, o aforro da factura enerxética poida ser dun 40%.

Esta auditoría enerxética será a primeira das dúas que vai contratar o Concello. A outra, cuxo importe de licitación superará os 100.000 euros, terá por obxecto realizar a auditoría enerxética nos edificios municipais, para coñecer a situación actual do seu comportamento enerxético e as propostas para rebaixar os consumos tanto con controis de facturación como con posibles investimentos.

Compartir: