FACENDA

O remanente positivo permitiralle ao Concello saldar todas as facturas de exercicios anteriores e destinar un millón de euros a investimentos

30/08/2013 Unha vez desenvolvido o artigo 32 da Lei de Estabilidade, no eido de permitir aos concellos destinar remanente de tesourería a financiar investimentos, o Concello de Santiago empregará máis dun millón de euros do seu remanente de 2012 (1.890.310 euros) a investimento. Así o anunciou en rolda de prensa a concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, quen tamén indicou que o resto do remanente, uns 950.000 euros, se empregarán en saldar todas as facturas pendentes de exercicios anteriores.

O remanente de tesourería das contas de 2012 e a posibilidade agora de destinalo a investimentos son, en palabras da concelleira, un recoñecemento da boa xestión económica realizada polo actual Goberno local. Neste sentido, lembrou a evolución histórica do remanente dende cifras negativas, alcanzando o seu máximo en 2004, cun remanente negativo de 21,8 millóns de euros. En 2010 o remanente negativo fora de case 2,6 millóns de euros e en 2012 xa quedara en 1,4 millóns de euros. Por fin en 2012, o remanente pasou a cifras positivas, cun saldo favorable de case 1,9 millóns de euros.

Para Cecilia Sierra, chégase a esta situación "grazas ao control do gasto supérfluo sen afectar aos servizos básicos; á execución de orzamentos realistas baseados nos ingresos condicionando os gastos (non ao contrario); á redución das cantidades pendentes de pago (liquidación de 13 millóns de euros a provedores); á maior capacidade de autofinanciamento, evitando recorrer a débeda voluntaria; e á mellora dos ratios de solvencia".

A posibilidade de destinar remanente positivo a investimento é "un premio á boa xestión", apuntou a edil, lembrando que ata agora o este remanente se tiña que destinar a amortizar débeda. O Concello de Santiago pode acollerse a esta alternativa porque ademais cumpre co requisito de ter un ratio de endebedamento inferior ao máximo legal (75%). O ratio compostelán sitúase no 67,73%. Outro dos indicadores da mellora da saúde financeira municipal apuntado por Cecilia Sierra é o da capacidade financeira, que supera os 16,2 millóns de euros.

Así pois, o Concello destinará 956.393 euros do remanente de tesourería dispoñible a saldar a totalidade de facturas pendentes de exercicios anteriores. A concelleira cualificou isto coma "histórico", xa que "é a primeira vez que van quedar liquidadas as facturas de anos anteriores".

O resto do remanente, en torno ao millón de euros, destinarase a proxectos de investimento que o Concello considere prioritarios. Nestes intres estase a valorar se empregar esta partida neste mesmo exercicio, en base a modificacións orzamentarias, ou presupostar xa estes proxectos para 2014.

Compartir: