TURISMO

Turismo de Santiago e Turismo de Tanabe intercambian persoal para mellorar o coñecemento dos mercados

26/08/2013 Turismo de Santiago e Turismo de Tanabe (Xapón) intercambiarán persoal no marco da súa colaboración para a promoción conxunta de ambas cidades, que son as cidades de referencia das dúas rutas de peregrinación declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco, o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo. Santiago e Tanabe levan tempo traballando xuntas, pero neste ano reforzarán esta colaboración con motivo do ano dual Xapón – España, cun plan de promoción conxunta.

Grazas a este intercambio, un técnico de Turismo de Santiago traballará entre o 26 de agosto e o 18 de setembro no ente de xestión turística de Tanabe, onde, ademais de aprender os modos de traballo da administración turística xaponesa, tamén poderá coñecer mellor a súa cultura para poder aplicar esta experiencia ás próximas accións de promoción que se desenvolvan de cara a este mercado. Posteriormente, un técnico de Turismo de Tanabe traballará en Santiago nas dependencias da empresa municipal de promoción turística.

Dende Turismo de Santiago considérase ao mercado xaponés unha oportunidade para a cidade. Trátase dun dos mercados do mundo co maior gasto medio por persoa en España, con máis de 2.000 euros de media, segundo os datos da Encuesta de Gasto Turístico 2011, elaborada polo Instituto de Estudios Turísticos. Así, o impacto do turismo xaponés non se ten que medir só tendo en conta as pernoctacións que xera, senón tamén o gasto que pode facer cada turista xaponés, que por exemplo triplica o gasto medio dos turistas franceses, que é inferior a 700 euros.

No ano 2012, o mercado xaponés alcanzou o maior número de pernoctacións na cidade, cun crecemento do 20% respecto ao 2011, segundo os datos do INE. Dende Turismo de Santiago considérase que estas cifras poden continuar crecendo, aproveitando a mellora na conectividade aérea co país asiático grazas á conexión de Turkish Airlines co seu hub de Estambul.

Compartir: