DEPORTES

Última fase das obras de cubrición da bancada do campo de fútbol do Sergas

26/08/2013 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, visitou as obras que se están a realizar no campo de fútbol de San Lázaro (Sergas) para cubrir a bancada. Esta actuación supón un investimento de 75.000 euros.

A Concellería de Deportes acometeu esta obra por considerala necesaria ante a cantidade de días de choiva que ten a cidade cada ano e o alto uso que ten esta instalación. Así, segundo apuntou o edil, "esta era unha demanda dos pais e familiares dos nenos que usan as instalacións para adestrar durante a semana ou xogar as fins de semana".

Ademais da cuberta instalaranse proteccións laterais, de xeito que a bancada quede o máis resgardada posible das inclemencias meteorolóxicas sen prexudicar a visión do campo, tal como apuntou o director de obra, Jorge Barata. O obxectivo é que a obra poida estar rematada nuns 20 días e lista para o comezo do curso deportivo.

Esta intervención únese a outras que xa tivera que realizar o actual Goberno municipal para resolver as deficiencias na construción deste campo de herba artificial. Así, Adrián Varela citou a instalación do alumeado, o subministro de enerxía ou a retirada da torre de alta tensión existente, entre outras actuacións.

Neste recinto xogan e adestran os xogadores das diferentes categorías do Amio e do Vitoria, e do resto de equipos da cidade nas horas que quedan libres. Dadas as dimensións, o campo tamén se utiliza para dous recintos de fútbol-7.

Compartir: