XUNTA DE GOBERNO

Unha páxina web e unha publicación difundirán a historia e transcendencia do Castelo da Rocha Forte

22/08/2013 A Xunta de Goberno, reunida en sesión ordinaria, adxudicou o contrato do servizo de difusión do xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte, grazas ao cal se realizará unha páxina web e unha publicación sobre esta fortaleza.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, a difusión e posta en valor do xacemento da Rocha Forte é un dos traballos contidos no proxecto en marcha nestes intres e complementario dos traballos arqueolóxicos. O Ministerio de Cultura financia estes labores cun millón de euros.

O servizo adxudicado encargarase, por un importe de 52.600 euros, de crear unha web que difundirá o proxecto e unha publicación que explicará a historia do Castelo da Rocha e a súa transcendencia para a cidade de Santiago.

Observatorio Urbano
O Goberno local tamén adxudicou o contrato do servizo de actualización e mantemento do Observatorio Urbano Socioeconómico do Concello de Santiago, un servizo que agora incrementará os indicadores medidos e a súa periodicidade. Para este servizo, adxudicado por dous anos (prorrogables a outros dous) destínanse as seguintes partidas: 5.465 euros en 2013, 16.395 en 2014 e 10.930 en 2015.

Desinfección e control nas instalacións deportivas
Outro dos acordos foi o inicio do expediente para contratar o servizo de limpeza e desinfección de dispositivos de auga quente sanitaria e auga fría de consumo humano para o control e prevención da contaminación por lexionela nas instalacións deportivas municipais. Os custos previstos son: 5.440 euros en 2013, 29.000 en 2014 e 23.560 en 2015.

Subvención para inserción social
Finalmente, deuse conta da concesión dunha subvención de 44.280 euros pola Deputación da Coruña para a dinamización e a inserción social. Permitirá contratar tres técnicos de inserción laboral e un diplomado en Maxisterio, e a compra de diferente material didáctico para levar a cabo estas accións.

Documentos relacionados



Compartir: