TURISMO

Santiago promociónase en Alemaña

21/08/2013 Santiago, a través do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, participará esta fin de semana en Frankfurt (Alemaña) na segunda edición da Spanien am Main, a campaña de promoción que organiza Turespaña con motivo da celebración do 23 a 25 de agosto do Museumsuferfest.

O Museumsuferfest de Frankfurt é un dos eventos culturais máis importantes do verán europeo, un festival que ten lugar en todos os museos da cidade e en escenarios ao longo do río Main e que combina arte, cultura, espectáculos e gastronomía. O festival é visitado cada ano por preto de 3 millóns de persoas, sendo unha das principais citas da axenda de ocio e cultura de Alemaña.

A través dun stand propio, as 13 Cidades Patrimonio da Humanidade de España facilitarán durante toda a fin de semana información ao público sobre a súa exclusiva oferta turística e cultural, cunha presenza destacada no marco privilexiado deste evento que ten lugar en Frankfurt, a quinta cidade máis poboada de Alemaña e considerada a súa capital financeira.

España é o primeiro destino para os alemáns. Así, é o principal mercado internacional, en canto a número de pernoctacións, para o conxunto das Cidades Patrimonio da Humanidade de España. No caso de Santiago, o alemán foi no 2012 o segundo mercado en importancia en número de pernoctacións, só superado polo mercado italiano. Segundo os datos do INE, o mercado alemán tivo o ano pasado 48.510 pernoctacións na cidade, mentres que o italiano tivo 55.374.

Compartir: