BENESTAR SOCIAL

O Concello de Santiago reafirma o seu apoio ao labor realizado por Proxecto Home

13/08/2013 A alcaldesa en funcións, Reyes Leis, e a concelleira de Benestar Social, María Castelao, visitaron o centro terapéutico que Proxecto Home ten en Cernadas (Portomouro – Val do Dubra). As edís puideron coñecer as instalacións e o traballo que nelas se realiza.

Con esta visita, o Goberno municipal quixo reiterarlle aos responsables de Proxecto Home a vontade de seguir colaborando con esta iniciativa. Así se reflectirá no convenio –actualmente en trámite- polo que o Concello achegará un ano máis financiamento para as actividades de Proxecto Home. En 2012, esta contribución municipal fora de 42.000 euros.

Cómpre lembrar que, tamén en 2012, Proxecto Home inaugurou a súa nova sede central na rúa do Cottolengo (O Paxonal) nunha parcela cedida polo Concello.

Proxecto Home Galicia
En 1990, a Fundación Monte do Gozo, promotora de Proxecto Home Galicia, inauguraba o seu primeiro centro en Santiago de Compostela. Actualmente está presente na Coruña, Cernadas (Val do Dubra), Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. En 2013 cúmprense 23 anos de traballo integral en Proxecto Home Galicia, con más de 27.800 usuarios e 42.000 beneficiarios directos aproximadamente. Ademais, conta cunha rede de máis de 1.100 voluntarios e 4.800 socios colaboradores.

Compartir: