BENESTAR SOCIAL E EDUCACIÓN

Máis de 20 rapaces e rapazas reciben cada día apoio ao estudo grazas ao programa do USN "Alternativa activa"

12/08/2013 A concelleira de Benestar Social e Educación, María Castelao, visitou os participantes no programa Alternativa activa. Esta iniciativa, enmarcada no proxecto Urbana Santiago Norte, desenvólvese nos meses de xullo e agosto no Centro Sociocultural da Trisca e nela participan cada día unha media de 23 rapaces e rapazas.

O programa Alternativa activa comezou no mes de xuño coa difusión do mesmo nos propios centros escolares e entre as familias da Zona Urbana Santiago Norte. Ofrece a moitas familias con poucos recursos económicos, ou que non poden conciliar axeitadamente o traballo e as vacacións dos seus fillos, un espazo de apoio ao estudo completamente de balde, durante os meses de xullo e agosto.

Os rapaces e rapazas contan cun equipo de profesionais que os apoian nas técnicas de estudo, na resolución de exercicios, na planificación das tarefas, no reforzo da aprendizaxe de idiomas, etc. Ao mesmo tempo, traballan con eles aspectos tan básicos para a educación como as habilidades sociais, intentando previr deste xeito situacións de abandono nas tarefas de estudo durante o verán.

Unha media de 23 rapaces e rapazas de idades entre os 7 e os 16 anos participan de media cada día nestas sesións. Acoden ao Centro Sociocultural da Trisca de luns a xoves, en horario de 10:00 a 13:30 horas.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Documentos relacionados



Compartir: