ECONOMÍA

A Concellería de Economía convoca tres seminarios para emprendedores no marco do programa Urbana Santiago Norte

09/08/2013 A Concellaría de Economía, Emprego, Comercio, Turismo e Mercados convoca, no marco do programa Urbana Santiago Norte, proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) tres seminarios de capacitación para o emprendemento, denominados Emprendedoors. Abrindo portas ao emprendemento en Urbana Santiago Norte.

Estes seminarios están dirixidos a persoas que desexen iniciar unha actividade empresarial no territorio obxecto do programa Urbana Santiago Norte, teñan xa iniciada unha actividade neste mesmo territorio cunha antigüidade non superior á tres anos ou que, estando empadroadas no territorio Urbana Santiago Norte, queiran adquirir as competencias precisas para desenvolver a súa actividade emprendedora.

Celebraranse tres seminarios, dos que dous serán presenciais, con 60 horas de capacitación emprendedora en horario de luns a venres de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. O primeiro seminario realizarase do 2 ao 20 de setembro e o segundo do 1 ao 22 de outubro. Así, os interesados no primeiro grupo teñen ata o 27 de agosto para realizar a súa inscrición, mentres que os que queiran participar no segundo teñen de prazo ata o 24 de setembro.

O terceiro seminario será on line, tamén con 60 horas, co gallo de facilitar a participación daquelas persoas que, por ter xa iniciada a actividade empresarial ou ben pola súa situación sociofamiliar, teñen problemas para participar nos seminarios presenciais. Esta formación on line realizarase do 1 ao 30 de novembro, e os interesados teñen ata o 29 de outubro para solicitar a súa participación.

Modo de solicitude
A inscrición realizarase por rexistro cumprimentando o formulario correspondente, dispoñible nesta web municipal e tamén nas seguintes: www.cersiaempresa.org e www.urbanasantiagonorte.org. Os impresos tamén poderán obterse na Oficina de Atención á Cidadanía, na Oficina do Proxecto Urbana Santiago Norte e no CERSIA Empresa. O formulario acompañarase dunha fotocopia do DNI ou NIE da persoa solicitante, así como da documentación que acredite á pertenza aos colectivos preferentes.

Documentos relacionados



Compartir: