EMPREGO

O Concello imparte formación a 60 persoas a través de catro accións para desempregados financiadas pola Xunta de Galicia

08/08/2013 A concelleira de Emprego, Reyes Leis, e a delegada da Xunta de Galicia na Provincia da Coruña, Belén do Campo, visitaron o centro de formación ocupacional de Sanxuás de Aríns, onde o Concello imparte dous cursos dentro das Accións Formativas para Desempregados. Dentro deste programa, tamén se imparten outros dous cursos no Cersia. En total, estanse formando 60 persoas, grazas a unha subvención da Xunta de 260.000 euros.

No centro de formación ocupacional de Sanxuás de Aríns estanse celebrando os cursos de Operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica e de Montaxe mantemento de redes de auga. Os cursos que teñen lugar no Cersia son o de Xestión contable e xestión administrativa para auditoría e o de Asistencia á dirección. Os cursos comezaron na segunda quincena de xullo e rematarán a finais de novembro.

O curso de Operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica ten unha duración de 558 horas, nas que se inclúen 160 de prácticas en empresas. Á finalización do curso os participantes poderán realizar a instalación de tubaxes e montar desmontar aparellos sanitarios, radiadores e aparellos de climatización de uso doméstico. Este profesional poderase integrar en empresas dedicadas á montaxe e mantemento de instalacións e mantemento de tubaxes e aparellos sanitarios, radiadores e aparellos de climatización de uso doméstico.

O curso de Montaxe e mantemento de redes de auga ten unha duración de 528 horas, das cales 80 son prácticas en empresas. Os participantes poderán realizar a montaxe, posta en servizo, operación e mantemento de redes de abastecemento e distribución de auga, así como a instalación e o mantemento de redes de saneamento. Poderán desenvolver a súa actividade profesional, tanto por conta propia como allea, na área do departamento de produción de pequenas, medianas e grandes empresas, dedicadas a realizar a montaxe, a explotación e o mantemento de redes de distribución de auga e saneamento.

O curso de Xestión contable e xestión administrativa para auditoría ten unha duración de 648 horas, das que 80 serán prácticas en empresas. Á finalización do curso os alumnos serán capaces de efectuar a xestión administrativa contable-fiscal garantindo o mantemento actualizado do sistema de información e o arquivo da documentación, e realizar as xestións administrativas dos procedementos previstos no plan global de auditoría. Poderán traballar no departamento de administración de todo tipo de empresa pública ou privada en dependencia do xefe de contabilidade.

Finalmente, o curso de Asistencia á dirección ten unha duración de 628 horas, das que 80 son prácticas en empresas. Ao remate do curso, os asistentes poderán xestionar as informacións e comunicacións, internas e externas, relacionadas cos responsables e órganos da dirección, mantendo o arquivo propio da secretaría de dirección, así como asistir á dirección na execución das actividades de organización delegadas pola mesma. Poderán traballar en calquera empresa ou entidade, como asistente dos responsables ou órganos de dirección.

Compartir: