CONSORCIO

A RFG presenta o seu último disco con obras do compositor Antón García Abril

07/08/2013 A Real Filharmonía de Galicia presenta o 7 de agosto un novo traballo discográfico que inclúe tres pezas do compositor Antón García Abril, a quen o Instituto Cervantes, coa colaboración do Consorcio, rendeu unha homenaxe na capital galega no mes de xullo.

A alcaldesa en funcións, Reyes Leis, presentou este traballo nunha rolda de prensa na que tamén participaron o propio compositor, Antón García Abril; a xerente do Consorcio, María Antón; e o director técnico da Real Filharmonía de Galicia, Oriol Roch.

O disco foi gravado no Auditorio de Galicia, no mes de setembro, baixo a batuta do director Ros Marbà. Está composto polas obras Variaciones concertantes, estreada pola orquestra no ano 2010; Alba de soledades e Salmo de Alegría para el siglo XXI, obra composta sobre un poema de Rafael Alberti que foi interpretada pola soprano María Bayo para a gravación, acompañada pola RFG.

Antón García Abril
Antón García Abril é un dos nosos máis sólidos e preparados compositores. Él reúne a partes iguais, dominio do oficio, control dos medios, sabedoría no tratamento do material, habilidade para mesturar e plasmar as cores a partires dun manexo moi depurado dos timbres, coñecemento da técnica orquestral e instrumental e atemperado emprego da harmonía, que o músico non ten reparo en traballar cos procedementos do pasado. Actúa con notable pericia á hora de expoñer e elaborar as ideas, de facelas evolucionar nun proceso de variación, a veces continua, que se estende non só ao motívico, senón tamén ao tímbrico.

Real Filharmonía de Galicia
A Real Filharmonía de Galicia nace da man da Xunta de Galicia en 1996 cunha vocación universal, como a propia cidade onde ten a súa sé, Santiago de Compostela. O Consorcio da Cidade de Santiago é o organismo encargado da súa xestión. Esta orquestra sinfónica, que representa en si mesma o concepto de espírito aberto, conciliador e amable que encerra a música, está formada por 50 músicos de diferentes nacionalidades que aportaron a súa experiencia, formación, tradición musical, empeño e ilusión.

Compartir: