CULTURA

Clown e circo en "Verán na rúa"

06/08/2013 En agosto e na primeira quincena de setembro, as rúas e prazas de Compostela encheranse coa cor dunha programación que inclúe propostas diferentes. Trátase de Verán na rúa, unha variada oferta da que poderá gozar especialmente o público infantil e familiar, que solo terá que coller un bo lugar para ver os diferentes espectáculos gratuítos, que tomarán de novo as rúas do casco histórico de Compostela de luns a venres. Unha refrescante oferta cultural que o mércores e o xoves trae clown e circo.

Este mércores 7, Fantoches Baj achegarán humor en clown a Verán na rúa. O Parque da Alamenda (18:30, 19:00, 19:30 e 20:00 horas), encherase de cabezudos motorizados, Velocíclopes de aparencia ambigua (poden verse como zapatos xigantes, cíclopes, automóbiles...). As múltiples posibilidades que ofrece a motorización dos cabezudos, manipulados por personaxes clownescos, fai que nos atopemos diante dun espectáculo sorprendente, áxil e de grande interrelación co público.

Velocíclopes é un espectáculo conformado por varios sketchs: "O propietario", "Ser ou non ser" e "Os bos modais", onde a través da utilización dunha linguaxe plástica surrealista amósase o absurdo do comportamento humano en situacións propias da vida cotiá (a furia que aparece cando nos poñemos ao volante, o sentido da propiedade, a importancia de aparentar socialmente...).

O xoves 8, Circo Chosco ofrecerá un programa de circo para nenos a partir de 3 anos na praza da Quintana, Chosco!, ás 19:30 horas, con cambio de ubicación en caso de mal tempo ao Teatro Principal. Dous personaxes, dous problemas, dous caraduras, disparates máis que persoas. Realizarán un espectáculo cheo de trampas, golpes, maxia, fracasos, éxitos, bágoas e risas e, sobre todo, risas e moito circo.

Chosco! é un espectáculo case sen fala e para todo tipo de público, mestura de comedia e circo, que ten como resultado unha obra cómica con acrobacia, malabar e técnicas de portes e equilibrios nas que o público se unirá aos artistas: na emoción e na risa.

Compartir: