TRANSPORTES

O Concello solicita a integración de catro aldeas de Son na rede de transporte urbano

26/06/2006 A Xunta de Goberno local deu o visto bo á solicitude que se lle remitirá á Dirección Xeral de Transportes para a caducidade da liña Santiago-Oza dos Ríos, da empresa Autos Grabanxa. Así, pretendese integrar na rede de transporte municipal ás aldeas de Carballal, Barral, Pereiras e Bálsoma, na parroquia de Son.

A empresa referida, malia ter a concesión, non presta o servizo a estes lugares. De feito, é a empresa Trapsa a presta esta cobertura dende hai anos na súa liña de Son. Por iso demándase a integración das devanditas aldeas, xunto con Son de Arriba, Son de Abaixo e Escarabuñas no servizo de transporte urbano, como están integrados na actualidade, incluíndo a totalidade do polígono do Tambre.

Outro dos acordos destacados da Xunta de Goberno é o comezo do procedemento para o subministro e a instalación de luminarias leds nos semáforos da Praza de Galicia e do Campo da Estrela. O orzamento é de 29.924 euros, cos que se poderá implantar unha nova tecnoloxía que evita a avería dos semáforos en caso de continxencias meteorolóxicas, ademais de supor un aforro de enerxía.

Tamén se aprobou a adscrición á concellaría de Benestar Social de dous inmobles. O primeiro deles, a caseta de información turística situada enriba do aparcadoiro da Praza de Galicia, cederase ás asociacións de iniciativa social como punto de información das mesmas e da propia Concellaría. O outro local, na rúa Roma, en Fontiñas, cederase gratuitamente á Asociación de Pais de Diminuídos Psíquicos (ASPAS).

Compartir: