FESTAS

Ultreia, Brincadeira, Colexiata de Sar e Cantigas e Agarimos actuarán o sábado 7 de setembro na praza da Quintana

06/08/2013 A Xornada do Folclore, suspendida nas festas do Apóstolo por mor do accidente ferroviario de Angrois, celebrarase o sábado 7 de setembro, a partir das 21:30 horas, na praza da Quintana, segundo anunciou o concelleiro de Festas, Francisco Noya. Ultreia, Brincadeira, Colexiata de Sar e Cantigas e Agarimos serán os catro grupos protagonistas, xuntando máis de 100 persoas enriba do escenario.

Con esta Xornada do Folclore pecharase o calendario de concertos fixados para a primeira semana de setembro, uníndose aos de Raphael (4 de setembro), Soraya (5 de setembro) e Primal Scream (6 de setembro). Todos eles celebraranse na praza da Quintana.

A propósito da recuperación desta xornada prevista inicialmente no Apóstolo, o concelleiro referiuse á aposta polas agrupacións da cidade e a que "cuns poucos cartos, cos que xa contaban (1.000 euros para cada formación), axúdase a estas agrupacións a desenvolver a súa actividade todo o ano". "Este sábado quedaba libre e era un día perfecto para que todos os integrantes dos grupos puideran vir, sen implicar un custo a maiores para o Concello", apuntou Francisco Noya, engadindo que "é un bo complemento, polo que a variedade programática se refire, aos outros tres concertos".

Unha tradición de máis de 30 anos
Dificilmente se poderían entender as Festas do Apóstolo sen as Xornadas de Folclore Galego. Durante máis de 30 anos foron referente para todos os grupos de danza e música tradicional de Galicia. Nos seus inicios, cando comezaron como concurso de baile, vivíronse xornadas de gran rivalidade, pois estas datas estaban especialmente sinaladas no calendario de todos os grupos de música e danza tradicional. Ademais, o desfile dende a Alameda ateigaba as rúas do casco histórico e posteriormente a praza da Quintana.

Hoxe en día, este evento segue sendo parte fundamental das Festas, aínda que nun formato máis tranquilo, pero non menos atractivo. Para todos os grupos segue sendo un orgullo actuar na praza da Quintana. É por iso que dende a Concellería de Festas se aposta por conservar esta xornada, patrimonio de todos os composteláns e de todos os que algún día participaron neste día.

Compartir: