CENTROS SOCIOCULTURAIS

Dúas mil cincocentas persoas participaron nas actividades de "Vive o verán 2013"

05/08/2013 O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, fixo balance do programa Vive o verán 2013, novamente con grande éxito de participación. Esta proposta achegou ás familias de Compostela unha oferta de lecer sociocultural adaptada ao tempo do verán, en clave de actividades de tempo libre, gozando dos espazos naturais, rurais e urbanos de Compostela, e fomentando o compoñente máis social das relacións persoais.

Vive o verán abrangue 20 actividades diferentes do 1 de xuño ao 28 de setembro, se ben as datas nas que teñen lugar a maioría delas son dende o San Xoán e durante todo o mes de xullo, mes no que este programa emerxe coa máxima intensidade. A todo isto hai que engadir a programación ordinaria dos centros socioculturais, que completa a oferta.

As actividades desenvolvéronse en 25 localizacións diferentes, das que 18 eran centros socioculturais. De entre elas, o concelleiro destacou as Mañás de verán (Vite, Conxo, Fontiñas e Santa Marta), as Mañás de xogo (Nemenzo e A Gracia) e o campamento de verán no LSC de Figueiras. Nesta ocasión, ofertáronse 205 prazas para nenos empadroados en Compostela, con idades de 4 a 12 anos. Por segundo ano, esta proposta de conciliación levouse tamén ao rural. Cubríronse todas as prazas, mesmo con listas de agarda.

Ademais das actividades realizadas nos propios centros socioculturais, estes programa incluíron saídas pola cidade para coñecer puntos de interese, a excursión ao parque acuático de Cerceda, xogos tradicionais, obradoiros, deporte, novas tecnoloxías, grandes xogos, contacontos, as visita aos centros do rural de policías locais, bombeiros e Protección Civil e moitas máis actividades.

Tamén se referiu Francisco Noya, por novidosa, á actividade de pesca sen morte na Granxa do xesto. Coas 30 prazas cubertas, foi unha xornada para a aproximación dos mais novos ao mundo das artes da pesca. Conduciron a actividade integrantes da Sociedade de Caza e Pesca "La Venatoria"

Outra das propostas destacadas polo edil foron os exitosos seis obradoiros de Medrar en familia, enriquecedora experiencia de traballo dirixido a familias con bebés de 6 a 36 meses, e as dúas representacións de teatro para bebés, co título de Chove, a cargo de Fanfarria de Sonos. Os pais e as nais valoraron esta actividade, na que participaron 201 persoas: 123 nos obradoiros e 78 no teatro.

Finalmente, aludiu ás tres exhibicións de Scalextric nos centros do Castiñeiriño, O Ensanche e Santa Marta, con seis sesións abertas e 144 asistentes.

Tamén destacaron pola súa alta participación actividades como a saída ao parque acuático de Cerceda (211 participantes); o Tai Chi, Chi Kung e a ximnasia terapéutica (155); os xogos tradicionais (135); Imos de excursión (193) ou Imos ao baile (925). En total, ata o 1 de agosto, participaran unhas 2.500 persoas nalgunha actividade de Vive o verán.

Franscisco Noya agradeceu a colaboración no programa doutros axentes socioculturais, como a Fundación Autor, a Editorial Galaxia, o Club Vega de Astronomía, a Asociación de Veciños "Nova Xeira" de Figueiras, a Asociación Compostelá de Xogos tradicionais ou a Sociedade de Caza e Pesca "La Venatoria". Tamén deu as grazas a cada un dos 42 monitores dos centros socioculturais pola súa implicación.

Compartir: