TURISMO

Bollywood visita Santiago de Compostela

02/08/2013 O presidente da Asociación de Produtores de Cine e Televisión da India, Kulmeet Makkar, visitará Santiago esta fin de semana na busca de novas localizacións para a rodaxe de películas e series de televisión das súas produtoras asociadas, segundo anunciou a concelleira de Turismo, Reyes Leis.

A Santiago de Compostela Film Commission, servizo de Turismo de Santiago para a promoción audiovisual da cidade que ten colaborado xa con grandes producións cun importante impacto turístico como The Way, será a encargada de mostrarlle as virtudes da cidade e dos seus arredores como escenario para producións audiovisuais.

A industria cinematográfica da India é unha das máis importantes do mundo. Segundo os datos da Film Federation of India, no ano 2012 producíronse 1.602 películas no país. Deste número, máis de 700 foron producidas por membros da Asociación de Produtores de Cine e Televisión, que preside Kulmeet Makkar, quen ademais é presidente da compañía Shreya Entertainment, dedicada á produción cinematográfica e ao entretemento dixital.

A visita de Kulmeet Makkar é posible grazas a colaboración entre o Cluster do Audiovisual Galego, a Spain Film Commission e a Santiago de Compostela Film Commission. O produtor, ademais de coñecer as posibles localizacións que ofrece Santiago, tamén terá unha serie de reunións con representantes do sector para coñecer de primeira man o traballo que se está desenvolvendo dende a industria audiovisual de Galicia, de tal xeito que se poidan abrir novas vías de colaboración que impulsen posibles coproducións entre Galicia e a India.

Un exemplo da importancia que pode ter este tipo de accións atópase na película Zindagy na Milegi dovara (Só se vive unha vez), que se rodou no ano 2010 en Andalucía. A película foi un gran éxito, con máis de 400 millóns de espectadores. Ademais, a canción orixinal da película, "Señorita", foi un dos éxitos máis importantes da temporada en India e en diferentes países asiáticos.

Compartir: