FESTAS

La Oreja de Van Gogh e Joaquín Cortés, actuacións estrela das Festas do Apóstolo

26/06/2006 Á falta de presentarse o programa definitivo, xa están perfilados os principais espectáculos das Festas do Apóstolo 2006, que este ano contarán cun presuposto de 742.144 euros. Un concerto da cantante Rosa para acompañar o pregón na Praza do Obradoiro dará inicio ás celebracións o día 15. Os pratos fortes desta edición serán os concertos de La Oreja de Van Gogh, Amparanoia e Coti, e o espectáculo de danza do bailarín Joaquín Cortés.

La Oreja de Van Gogh actuará o venres 28 de xullo na Praza do Obradoiro, onde se agarda reunir a case 6.000 persoas. O grupo vasco trae a Compostela as cancións do seu exitoso último disco, "Guapa" e os seus temas de sempre, nunha cita imprescindible para os seus incondicionais. Os seus concertos cóntanse por cheos ao longo de toda a xeografía española.

Un día antes, o 27, estará na Quintana o arxentino Coti. O cantante está a realizar unha intensa xira de máis de seis meses por España, que se prolongará ata o vindeiro mes de outubro. Trae a Santiago as cancións do seu último disco "Esta mañana y otros cuentos", un traballo gravado en directo e con colaboracións como as de Julieta Venegas, Paulina Rubio ou Ismael Sérrano.

Un dos principais atractivos das Festas virá da man do Compostela Festival, que trae á cidade o último espectáculo de Joaquín Cortés "Mi Soledad". Despois de percorrer algúns dos máis importantes escenarios do mundo, emprende a súa xira española, que ten punto de parada en Compostela o sábado 22 de xullo. O artista baila só nesta ocasión, acompañado de dezaseis músicos e con vestiario de Jean Paul Gautier. Tamén no marco do Compostela Festival enmárcase a actuación de Amparanoia o luns 24 de xullo.

Tampouco este ano faltarán outras citas habituais nas festas principais de Santiago, como as diversas actuacións no Toural, o Día do Traxe Galego, o Día das Bandas, ou o encontro de coches antigos e traxes de época. Estas e outras sorpresas serán presentadas en breve polo concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro.

Compartir: