XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de acceso ás zonas altas da Almáciga

01/08/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o proxecto de execución de acceso ás zonas altas da Almáciga, nos ámbitos das rúas Basquiños e Pastoriza. Ademais, deu o visto bo aos proxectos de sete obras do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña (POS 2013), dos que se beneficiarán as parroquias do rural.

O proxecto da Almáciga, que forma parte do programa Urbana Santiago Norte, conta cun orzamento de 455.224,63 euros máis IVE e un prazo de execución das obras de seis meses. Unha das intervencións máis importantes deste proxecto será a que permitirá mitigar as fortes pendentes, de xeito que o transporte público poida acceder a esta parte da cidade. Asegurarase un tratamento axeitado no entorno da igrexa da Pastoriza.

Obras
Ademais, deuse o visto bo aos proxectos e iniciáronse os procedementos de contratación das seguintes obras, correspondentes ao POS 2013: melloras de acondicionamento e mellora de vieiros en Frades-A Barciela (39.735euros máis IVE), Marantes (48.373 euros máis IVE), Bando (36.224 euros máis IVE), Eixo-San Cristovo (29.315 euros máis IVE), O Castro-Bando (33.668 euros) e Sabugueira (86.078 euros); e mellora da rede de saneamento na Silvouta (33.353 euros).

Seguindo con obras, adxudicáronse as de reforma da pista polideportiva do parque Pablo Iglesias, por importe de 32.241 euros máis IVE e un prazo de execución de tres mes. Tamén se aprobou o modificado do proxecto de colocación de céspede transitable nas rúas García Lorca e Celso Emilio Ferreiro para dar cabida a máis vehículos. O importe do proxecto é de 64.969 euros.

Subvencións aos clubs deportivos e para actividades comerciais
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a aprobación das bases da convocatoria de subvencións destinadas ao fomento do deporte federado ano 2013, co obxectivo de axudar aos clubs deportivos con participación en competicións de ámbito federativo e cuxas actividades teñen un carácter continuado segundo a temporada oficial. O importe total do gasto é de 180.000 euros. As subvencións serán concedidas en réxime de concorrencia competitiva.

Xa no ámbito do comercio, deuse o visto bo ás bases reguladoras e á convocatoria de subvencións para actividades de promoción e dinamización comercial do Concello de Santiago 2013, así como un gasto para as mesmas por importe de 40.232 euros.

Servizo de comedor
Finalmente, aprobouse o expediente de contratación do servizo de catering e de persoal monitor/coidador de comedor escolar para os centros de educación infantil e primaria dependentes do Concello de Santiago de Compostela, durante os cursos escolares 2013-2014 e 2014-2015. Apróbase igualmente o gasto, financiado coa achega económica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por importe de 126.112 euros.

Documentos relacionados



Compartir: