ALCALDÍA

O alcalde solicítalle a Medio Ambiente medidas provisionais para reducir os vertidos ao Sar mentres se constrúe a nova EDAR

30/07/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, reuniuse en Madrid co secretario de Estado de Medio Ambiente, Federico Ramos, ao que lle formulou a demanda de medidas provisionais que reduzan os vertidos ao río Sar da vella depuradora namentres non se constrúe a nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) do Souto. Da reunión tamén saíu o compromiso de reanudar de inmediato as obras do colector, paralizadas dende hai dous anos. O convenio entre Concello, Xunta e Aqua España para a execución e explotación da depuradora asinarase en setembro.

Se ben a tramitación da obra avanza segundo o previsto, para así ter asegurado o financiamento con fondos europeos, a dimensión da intervención fai prever un período de "dous ou tres anos" no que se seguirá utilizando a vella depuradora e, en consecuencia, contaminando o río Sar. É por isto que o alcalde lle solicitou ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente medidas provisionais para reducir os vertidos en tanto non se remate a nova EDAR.

O secretario de Estado de Medio Ambiente comprometeuse a estudar esta posibilidade e as alternativas técnicas. Ángel Currás aposta por un "sistema de decantación acelerada". Segundo explicou á saída da reunión, este método "garantiría un mellor efluente final, eliminando materia orgánica nos vertidos". Estimou o custo desa solución provisional nuns 3 millóns de euros, pero trataríase dunha instalación que logo sería aproveitada cando entrara en funcionamento a nova EDAR.

Reinicio inmediato das obras no colector
Da xuntanza tamén saíu o anuncio da reanudación inmediata das obras do colector. "Esta mesma semana estarán as máquinas en Conxo", apuntou o alcalde, quen lembrou que estas obras levaban dous anos paralizadas. Efectuado o cambio de empresa construtora, continuará a construción dunha infraestrutura que ten un custo total de 14 millóns de euros.

Ángel Currás e Federico Ramos analizaron o estado actual do proxecto da nova EDAR do Souto, cuxo estudo de impacto ambiental e anteproxecto está no trámite de exposición pública, ao igual que a relación de bens e dereitos afectados pola infraestrutura. Unha vez aprobe definitivamente o estudo, a obra será sacada a licitación, cun investimento de preto de 60 millóns de euros.

Convenio en setembro
Na reunión avanzouse que será a comezos de setembro cando as tres administracións implicadas, Concello, Xunta e Ministerio, a través de Aquanorte, asinen o convenio, que xa está listo, para a execución e explotación da EDAR.

A nova estación depuradora empregará a tecnoloxía de eliminación de nutrientes por vía biolóxica, tratamento terciario e tratamento de lodos. Ademais do novo complexo, con capacidade para 264.000 habitantes, a intervención inclúe a colocación dun novo colector de 1.144 metros de lonxitude dende a Silvouta ata a nova situación do Souto. Tamén se construirá un vieiro de acceso, realizaranse as instalacións de servizos básicos e derrubarase a vella depuradora, recuperando ambientalmente a zona.

Compartir: