ACCIDENTE FERROVIARIO

O alcalde agradece a "marea de xenerosidade e solidariedade" vivida na cidade

26/07/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, compareceu en rolda de prensa para ofrecer algúns datos do operativo de atención aos familiares das vítimas do accidente ferroviario e de xestión da traxedia. Aproveitou tamén para agradecer a "xenerosidade e solidariedade" da cidade e para anunciar que proporá que un parque de Fontiñas homenaxee ás vítimas e esta solidariedade.

Este parque, que aínda non ten nome, está situado a carón da recentemente inaugurada praza da República de Uruguai, no barrio de Fontiñas. O alcalde quere que este espazo "exprese a homenaxe ás vítimas e á marea de xenerosidade sen límites que viviu a cidade".

Comezou ese agradecemento cidadán polos veciños de Angrois, facéndoo extensivo a todas as persoas que participaron no operativo de xestión da traxedia e de atención aos familiares, e a todos os colectivos e cidadáns que colaboraron desinteresadamente. Entre estes, non se esqueceu dos que estaban na praza do Obradoiro cando se soubo da traxedia, amosando o seu "orgullo" pola "consternación e serenidade" mostrada por eses cidadáns que desaloxaron ordenadamente a praza, o que facilitou tamén que os efectivos da Policía e de Protección Civil se puidese desprazar máis rapidamente ata Angrois. Tamén agradeceu aos grupos municipais da oposición, na persoa dos seus voceiros, o seu apoio nestas xornadas.

Operativo
Sobre o operativo disposto para atender a traxedia, Ángel Currás afirmou que houbo "moi boa coordinación en tempo record". Referiuse á importante mobilización de efectivos municipais, en colaboración coas demais administracións e ao dispositivo instalado no Cersia para atender as familias, co obxectivo de "facerlles máis levadeiras estas horas tráxicas e de dolor".

En canto ao aloxamento, o alcalde indicou quen a noite do 24 al 25 se ocuparon 30 habitacións, se ben nesta noite a maioría das familias preferiu permanecer no edificio Cersia. Xa na noite do 25 ao 26 ocupáronse 68 habitacións (60 dobres e 8 triples), aloxando máis de 143 familiares.

Lembrou que foron postas a disposición dos familiares as residencias universitarias Monte da Condesa e Burgo das Nacións, o colexio maior Rodríguez Cadarso, o complexo do Monte do Gozo e o Hotel Castro. Tamén en todo momento estiveron dispoñibles os pavillóns de Lamas de Abade e do Restollal por se tivesen sido necesarios. Neste punto, o alcalde agradeceu a Hostalería Compostela o banco de habitacións tamén ofrecido aos familiares. Para facilitar o transporte dos familiares dende o Cersia, a empresa municipal Tussa habilitou dous autobuses permanentemente.

Ángel Currás ofreceu algúns datos sobre o persoal municipal que estivo traballando no operativo, como os 5 psicólogos da UMAD ou os 20 traballadores sociais, que se desprazaron tanto ao Cersia como ao Multiusos de Sar. O cadro dos Bombeiros estivo ao 100% (57 efectivos), incorporándose dende o primeiro momento aqueles que estaban de vacacións. Houbo 122 policías municipais, os que foron sumando compañeiros fóra de servizo e de vacacións ata completar a práctica totalidade do cadro (148).

Conserxes, auxiliares e outro persoal de apoio dos diferentes servizos municipais tamén colaboraron no operativo. A estes, o alcalde sumou as empresas concesionarias, como Urbaser, a empresa de limpeza ISS ou o propio Multiusos do Sar, e o amplo operativo dos voluntarios de protección civil, con máis de 150 efectivos, procedentes non só de Santiago, senón tamén de municipios como Fisterra, Muxía, Boiro, Catoira, Bergondo, Valga, Lalín ou Arzúa, entre outros, coordinados pola agrupación de Compostela.

O Concello, o Cersia, o Multiusos do Sar e a sede de Protección Civil no Estadio de San Lázaro permaneceron abertos 24 horas. Ademais, o Concello organizou un servizo de comidas grazas ao apoio desinteresado das empresas da cidade. Neste sentido, o rexedor municipal agradeceu especialmente a colaboración de firmas como Ruta Xacobea, McDdonalds, Estrella Galicia, Begano-Coca Cola, Centro Comercial As Cancelas, Daviña, El Corte Inglés ou Mercadona. Agradecementos tamén para Telefónica, que colaborou con liñas telefónicas e servizo wifi, e para a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre .

Funeral pendente de data
Preguntado por un posible funeral polas vítimas, o alcalde dixo ter falado co Deán da Catedral ao respecto, pero apuntou que "antes de fixar a data, deben concluír os traballos de identificación dos cadáveres". E tamén a preguntas dos xornalistas, afirmou que se está traballando para que algúns dos actos das Festas do Apóstolo suspendidos por mor da traxedia se poidan recuperar noutra data, fundamentalmente pensando na actividade comercial e hostaleira da cidade.

Finalmente, o alcalde recuperou o capítulo de agradecementos para referirse ás mostras de solidariedade e ofrecementos de colaboración recibidos dende todos os lugares do mundo. Algunhas desas mostras de apoio chegaron a través da páxina web municipal, que entre o 24 e o 26 de xullo recibiu a visita de 15.498 persoas, accedendo a 47.336 páxinas do portal. O maior número de entradas rexistrouse dende España, con 13.306, pero tamén houbo consultas de diversos países do mundo, destacando pola súa cantidade e, por esta orde, as procedentes de Alemaña, Estados Unidos, Francia, Reino Unido, Portugal, México, Italia ou Suíza.

Compartir: