TURISMO

Compostela estreita lazos coa cidade chinesa de QuFu

23/06/2006 Unha delegación chinesa encabezada polo alcalde de QuFu foi recibida polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo. Os representantes desta cidade están en Compostela para continuar cos traballos do programa europeo Asia URBS Heritage, un plan de rehabilitación turística e patrimonial que lideran Compostela e Rennes e do que se beneficia esta vila.

O alcalde de QuFu, Zhang Shuping, viaxa a Santiago de Compostela acompañado polos directores de Planeamento Urbano das cidades de Ji’ning e QuFu, Han Lianzu e Liu Haitao; o director de Patrimonio Histórico e Cultural de QuFu, Kong Deping; e o xefe da Oficina de Asuntos Exteriores da cidade, Kong Xiangcheng.

A delegación chinesa, que estará na ciade ata o domingo 25, negocia un acordo para o irmanamento de QuFu e Santiago de Compostela, cidades que teñen en común o feito de ser Patrimonio da Humanidade e metas de peregrinacións milenarias. O documento final sería asinado con posterioridade, trala aprobación dos plenos dos respectivos concellos. A idea pretende abrir unha porta definitiva para a entrada comercial e turística da imaxe de Compostela en China.

O programa europeo Asia Urbs prevé diversas actuacións para a rehabilitación e preservación do casco histórico de QuFu, a cidade de Confucio, como a actualización do seu inventario patrimonial, a elaboración dun plan de conservación do centro histórico e o deseño dun plan de promoción turística. A iniciativa está sendo liderada por Santiago de Compostela e Rennes dende 2005.

Compartir: