CENTROS SOCIOCULTURAIS

Nova xornada de xogos tradicionais no parque da Alameda dentro de "Vive o verán"

24/07/2013 Continúan as actividades do programa Vive o verán, da Concellería de Centros Socioculturais. O venres 26 de xullo, no parque da Alameda (diante do palco da música) unha nova xornada de xogos tradicionais, na que participarán 90 nenos dos centros socioculturais de Vite, Conxo e da parroquia da Gracia, que gozan das Mañás de verán e de xogo.

A xornada celebrarase de 11:00 a 13:00 horas, conducida pola Asociación de Xogos Tradicionais de Compostela e apoiada por animadores socioculturais do Concello. A billarda, a petanca, o pano, os bolos, o tiracroios ou a chave serán algúns dos xogos que os participantes poderán gozar. A entrada é libre por se algunha persoa desexa participar. En caso de choiva, a actividade suspenderase.

Este mesmo venres, a partir das 20:00 horas, no Centro Sociocultural de Vite, un obradoiro para aprender a montar telescopios, conducido polo Club Compostelán de Astronomía Vega. Logo, observación do ceo se o tempo o permite. Entrada libre.

Compartir: