FESTAS

Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar e Ultreia protagonizarán a Xornada de Folclore nas Festas do Apóstolo

22/07/2013 O concelleiro de Festas, Francisco Noya, presentou en rolda de prensa a Xornada de Folclore, que se celebrará o venres 26 de xullo, a partir das 21:30 horas, na praza da Quintana. Acompañaron ao edil representantes do catro grupo participantes nesta edición –Ultreia, Colexiata do Sar, Cantigas e Agarimos e Brincadeira- e o xerente do Centro Comercial As Cancelas (firma colaboradora), Abraham Cano.

Francisco Noya salientou a "vistosidade" e o "enraizamento" na cidade desta xornada, que concentrará a máis de 100 persoas no escenario entre os catro grupos composteláns participantes: Ultreia, Colexiata do Sar, Cantigas e Agarimos e Brincadeira. Ademais, agradeceu ao Centro Comercial As Cancelas que se teña sumado como colaborador ás Festas do Apóstolo. Antes de bailar na Quintana, os grupos saíran da Alameda para desfilar polas rúas do Casco Histórico.

Un dos grupos participantes, Brincadeira, estenderá a súa participación nas Festas ao domingo 28, cun pasarrúas en San Martiño Pinario a partir das 18:45 horas.

Unha tradición de máis de 30 anos
Dificilmente se poderían entender as Festas do Apóstolo sen as Xornadas de Folclore Galego. Durante máis de 30 anos foron referente para todos os grupos de danza e música tradicional de Galicia. Nos seus inicios, cando comezaron como concurso de baile, vivíronse xornadas de gran rivalidade, pois estas datas estaban especialmente sinaladas no calendario de todos os grupos de música e danza tradicional. Ademais, o desfile dende a Alameda ateigaba as rúas do casco histórico e posteriormente a praza da Quintana.

Hoxe en día, este evento segue sendo parte fundamental das Festas, aínda que nun formato máis tranquilo, pero non menos atractivo. Para todos os grupos segue sendo un orgullo actuar na praza da Quintana. É por iso que dende a Concellería de Festas se aposta por conservar esta xornada, patrimonio de todos os composteláns e de todos os que algún día participaron neste día.

Direccións relacionadas



Compartir: