ALCALDÍA

BioSpain 2014 converterá Santiago nun foco de atención internacional no sector biotecnolóxico e da investigación sanitaria

22/07/2013 O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolleu o acto de sinatura do convenio de colaboración para a organización da Feira Internacional de Biotecnoloxía Española (BioSpain 2014), que terá lugar os días 1 ao 3 de outubro de 2014 en Santiago de Compostela. O alcalde compostelán, Ángel Currás, participou na firma deste acordo.

BioSpain, a plataforma de presentación da biotecnoloxía española a nivel internacional, ten lugar cada dous anos. A última edición desta feira tivo lugar en Bilbao e contou con 1.356 inscritos on-line, 1.847 visitantes totais, 21% de visitantes estranxeiros, e máis de 762 empresas participantes no partnering, sendo unha das feiras máis importantes no ámbito internacional do sector ciencias da vida e converténdose no encontro biotecnolóxico máis importante do sector sur de Europa por número de reunións e de empresas.

En consecuencia, a celebración de BioSpain 2014 na capital de Galicia contribuirá a potenciar a actividade económica en materia de innovación e economía produtiva, e á visibilidade da biotecnoloxía galega e do noroeste peninsular.

O convenio foi asinado pola conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde, Rocío Mosquera; polo conselleiro de Economía e Industria e presidente da Axencia Galega de Innovación e do Instituto Galego de Promoción Económica, Francisco Conde; pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; pola conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; polo alcalde compostelán, Ángel Currás; polo reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares; polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; e pola xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Elena Barca. Tamén asinou o convenio Regina Revilla, presidenta da Asociación Española de Bioempresas (ASEBIO), institución que considerou a candidatura galega a máis completa e, por tanto, a gañadora, o que posibilitará que Santiago e Galicia se convertan nun foco de atención nacional e internacional no sector biotecnolóxico e da investigación sanitaria.

Compartir: