CENTROS SOCIOCULTURAIS

Finaliza a semana cultural adicada á interacción creativa entre máquinas e persoas

23/06/2006 Mañá sábado 24 de xuño, o Centro Sociocultural A Trisca, no último día da III Semana Cultural, propón un achegamento íntimo ao mundo das máquinas. A través de variadas actividades, o público coñecerá e experimentará con numerosas máquinas, ferramentas e instrumentos, dirixidas a fomentar a curiosidade e a creatividade.

Durante toda a semana cultural deste ano, dende A Trisca quíxose dar a coñecer a nosa relación íntima coas máquinas, que nos axudan a crear e a desenvolvernos como persoas. Así mesmo pretendíase amosar diferentes propostas culturais e artísticas achegadas por cidadáns. "Máis aló da obsesión polos produtos finais, o noso interese consiste en dar a coñecer procesos culturais, de aprendizaxe, relacións e investigacións que se dan na cidade", sinalan desde o propio Centro Sociocultural.

En horario de mañá, a partir das 10.30 horas, mestras de pedagoxía Waldford desenvolverán un mercadillo de actividades para nenos e nenas, no marco da acción pedagóxica que veñen desenvolvendo durante todo o ano coa infancia. Ás 12.00 horas realizarase un taller de xogos con máquinas e ferramentas.

En horario de tarde, de 17.00 a 21.00 horas, desenvolverase o Zoc Mak, mostra de máquinas e persoas creativas. Está concibido coma un espacio de mostra de diferentes formas de expresión cultural e cunha posta en escena propia dun mercado.

Na proposta maquineira do Zoco Mak está presente o ruído dixital por VX, fotografía e internet por José Pereira, cociña por Sandra Freire, pandeireta por Raquel Ayaso, soportes de son por Iago Portela, ilustración e animación por Arteaga e produción de chapas por Xesús Feás. Os "mercaderes" transmitirán o sentido e as cualidades das súas máquinas, das súas accións e dos procesos produtivos e creativos xerados sempre na interacción "máquina e persoa".

Durante catro horas búscase crear entre "mercaderes" e o público asistente unha dinámica relacional orientada a experimentar coas máquinas, e ao diálogo e intercambio de coñecementos. Os mercaderes non só amosarán procesos e obras xa finalizadas; tamén explicarán os proxectos nos que están inmersos. Ademais, invítase ao público asistente a que traia, amose e comparta durante o Zoco Mak as súas amadas máquinas.

Na preparación do Zoco Mak, Espazo Xove, que é un servizo de mediación e producción sociocultural da Rede Municipal de Centros Socioculturais, coordinou a participación de artistas e técnicos con diferentes intereses e habilidades na utilización de máquinas. No evento Zoco Mak colaboran a galería de arte DF Arte Contemporánea, a publicación cultural www.jpereira.net e Electrodomésticos Juan Portela Seijo.

Compartir: