PLENO

O Pleno aproba inicialmente unha modificación da Ordenanza reguladora das terrazas e quioscos de hostalería

18/07/2013 A sesión ordinaria de xullo do Pleno da Corporación tivo como un dos seus puntos destacados a aprobación inicial unha modificación da Ordenanza reguladora das terrazas e quioscos de hostalería. Tamén se deu o visto bo a unha modificación orzamentaria que permitirá dedicar algo máis dun millón de euros a investimentos.

Segundo explicou a concelleira de Urbanismo, María Pardo, os cambios na Ordenanza de terrazas e quioscos de hostalería pretenden recoller aqueles axustes e melloras que a experiencia dun ano de vixencia da norma aconsellan para mellorala.

Os principais cambios na Ordenanza serán os seguintes:

- Poderán instalarse terrazas como actividade accesoria aos establecementos hoteleiros, independentemente de que non contaran cunha licenza específica de establecemento de hostalería.

- Simplifícase a documentación que se precisa para obter un permiso de terraza.

- Inclúense no texto da ordenanza os materiais que se homologan e as cores, prohibíndose materiais plásticos, aceiro inoxidable e aluminio nas súas cores naturais ou acabados metalizados brillantes na zona vella, na que se permiten as seguintes cores: cores orixinais dos materiais, negro, branco, castaño, marrón nas súas diferentes tonalidades, verde Compostela e gris nas súas diferentes totalidades. Nas restantes zonas da cidade tamén se prohibe o aceiro inoxidable ou o aluminio, aínda que se permiten máis cores e deseños modernos.

- Respecto á delimitación da terrazas, darase preferencia ao emprego de xardineiras e elementos vexetais, para o cal se poderán empregar xardineiras de materiais plásticos e lixeiros, se ben se coidará a estética e o deseño destes elementos de mobiliario. Tamén se poderán empregar peches de madeira con forma de balaustrada.

- Concédense máis facilidades para a instalación de terrazas, que poden estar separadas ata 20 metros da fachada do local e poden superar a mesma. O permiso do propietario dun local veciño será necesario cando poida verse afectado, pero non se precisará permiso de comunidades de propietarios ou propietarios de fincas.

- Modifícanse e amplíanse os módulos autorizados para adaptarse mellor a vías estreitas. Así, regúlase un módulo dunha mesa e dúas cadeiras de 1,60 x 0,80 metros, que pode reducirse a 1,60 x 0,60 cando a estreitura do espazo o aconselle, sempre que se deixe libre o paso mínimo para peóns de 1,80 metros. Outro módulo é o de 1,20 x 1,80 metros, cunha mesa rectangular e catro cadeiras, con dúas cadeiras a cada lado longo da mesa. O terceiro módulo é dunha mesa alta con catro banquetas, de 1,20 x 1,20 metros, podendo substituírse a mesa alta por un barril tradicional de madeira e aros de forxa. O último módulo permitido é o dunha mesa alta con dúasbanquetas, de 1,20 x 0,60 metros.

- Poderá non deixarse a distancia de 0,50 metros ás portas das vivendas se o autorizan os veciños. O mobiliario da terraza pode permanecer nela cando finalice o horario da terraza e ata que peche o establecemento.

- A distancia entre a parte inferior dos ocos da planta primeira e o pechamento só terá que ser superior a 1,50 metros, sempre que na planta primeira se sitúe unha vivenda allea ao titular do establecemento que instala a terraza.

- As terrazas de hostalería non constituirán unha ampliación dos locais a efectos do disposto no Decreto de Zonas Saturadas, polo que se poderán autorizar novas terrazas para locais situados en zonas saturadas.

Esta modificación na Ordenanza saíu adiante cos votos favorables do grupo de Goberno e malia o pronunciamento negativo dos dous grupos municipais da oposición.

Modificacións orzamentarias
Tamén á concelleira de Urbanismo lle correspondeu explicar unha modificación de crédito que permitirá destinar aproximadamente 1,1 millóns de euros para executar novas obras e encargar proxectos. A partida destinada a estes investimentos procede da minoración do orzamento previsto inicialmente para 2013 da reurbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño. Así, considerouse que dada a altura do ano no que estamos, non se poderían executar os 2,3 millóns de euros previstos para esta obra no presente exercicio, polo que se decidiu utilizar parte desta partida para outros proxectos. A cantidade restante destinarase á mencionada urbanización do SUNP-11, de xeito que nas próximas semanas se licitará esta obra.

Estas novas partidas habilitadas destinaranse á realización das seguintes obras: reurbanización da rúa Raxoi, reurbanización das prazas de Galicia e de Vigo, homologación e rehabilitación de 72 parques infantís, pavimentación de rúas e beirarrúas do Ensanche (terceira fase), urbanización da praza de San Roque, creación de espazos biosaudables nas parroquias, consolidación do noiro da rúa de Betanzos e substitución do portalón do edificio do Parque de Bombeiros.

Ademais, vanse encargar os seguintes proxectos, pendentes da busca de financiamento para os mesmos: derrubo da Casa do Matadoiro e reurbanización das rúas Carretas e Concheiros. Tamén se destinarán partidas menores (23.000 e 15.000 euros) para completar as indemnizacións por eliminación de casetas no Mercado de Abastos e para pagar os intereses en execución dunha sentenza xudicial, respectivamente.

A modificación orzamentaria foi aprobada co voto favorable do grupo de Goberno. Votaron en contra PSdeG-PSOE e BNG. A maiores desta e co mesmo resultado, ratificouse outra modificación orzamentaria, neste caso co obxecto de contemplar a licitación do servizo para o cobro de sancións en materia de medio ambiente, que se sufragará mediante unha porcentaxe das multas que cobre a adxudicataria.

Apoio ao pobo saharauí
Ao inicio do Pleno aprobouse por unanimidade unha declaración en defensa dos dereitos do pobo saharauí.

Compartir: