SOSTIBILIDADE

Presentado o proxecto PLEEC cunha xornada sobre eficiencia enerxética nas cidades

19/07/2013 O Concello de Santiago realizou unha Xornada de Presentación do Proxecto Europeo PLEEC, co título A eficiencia enerxética nas cidades. O alcalde compostelán, Ángel Currás; a concelleira de Sostibilidade, María Pardo, e o reitor da USC, Juan Casares, inauguraron o evento, que se celebrou no edificio municipal CERSIA (San Lázaro). A participación era aberta e de balde.

A xornada consistiu en catro mesas redondas nas que se debateu e se intercambiaron puntos de vista sobre as posibilidades de mellorar a eficiencia enerxética en aspectos clave para as cidades como a tecnoloxía, as estruturas e os comportamentos. O público que asistou á xornada puido achegar os seus puntos de vista, realizar preguntas aos relatores e intercambiar impresións co resto dos participantes.

As mesas redondas estiveron compostas por representantes do Concello, da Universidade de Santiago, de organismos públicos e de empresas privadas punteiras en temas relacionados co aforro e a eficiencia enerxética.

PLEEC
Cómpre lembrar que o Concello de Santiago de Compostela foi seleccionado para participar como socio no proxecto europeo PLEEC (Planning for Energy Efficient Cities) xunto con 17 entidades europeas que agrupan a concellos, universidades e centros de investigación.

Este proxecto está financiado polo 7º Programa Marco de IDT da Comisión Europea e ten como obxectivo facerse cunha ferramenta para conseguir o aforro e a eficiencia enerxética nas cidades europeas mediante a conexión entre centros de innovación cualificados no sector enerxético coas cidades participantes. Trátase de desenvolver para as cidades un plan de aforro enerxético con impacto positivo no custo mediambiental, pero tamén cun claro obxectivo de eficiencia económica no uso da enerxía.

A Estratexia Europa 2020 pretende reducir nun 20% as emisións á atmosfera de CO2 para o ano 2020. O reto é importante e, para conseguilo, as cidades puxéronse a traballar sumando esforzos e cooperando entre si.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: