ALCALDÍA

O curso da Compostela Arquitectura trae á cidade personalidades como William J.R. Curtis, David Chipperfield ou Álvaro Siza

18/07/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu os participantes no curso internacional de verán organizado pola Fundación Compostela Arquitectura e que se celebra do 15 de xullo ao 3 de agosto en San Martiño Pinario. Uns 30 estudantes de distintas nacionalidades participan nestas sesións, que terán como conferenciantes distinguidos a persoeiros como William J.R. Curtis, David Chipperfield ou Álvaro Siza.

Esta é a cuarta edición consecutiva na que Compostela Arquitectura celebra este curso de verán. Estudantes de USA, Canadá, Puerto Rico, Barbados, Venezuela, China ou Vietnam participan nas clases, obradoiros e visitas que conforman o curso, que pretende unha reflexión sobre a cidade contemporánea a partir das presenzas da Historia.

O curso aproveita a cidade de Santiago como un laboratorio de arquitectura para que estudantes de todo o mundo teñan a oportunidade de aprender da súa excelente tradición de arquitectura histórica e contemporánea, así como para reflexionar sobre a complexidade urbana.

A Fundación Compostela Arquitectura ten por obxecto xenérico e principal a promoción e defensa do patrimonio arquitectónico e paisaxístico de Galicia a nivel nacional e internacional. Apoiada polo Concello e a Universidade de Santiago, desenvolve programas didácticos, potenciando a cidade compostelá e o patrimonio galego como elemento fundamental na formación dun arquitecto.

Compartir: