REAPERTURA

Unha nova oportunidade de verán para descubrir o museo da Casa da Troia

17/07/2013 As concelleiras María Castelao e Rebeca Domínguez acompañaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, na visita que realizou á Casa da Troia, o emblemático museo romántico compostelán que no seu tempo acolleu unha intensa vida estudantil decimonónica novelada por Alejandro Pérez Lugín na súa obra homónima.

A Casa da Troia abre de novo as súas portas durante todo o verán, polas mañás en horario de 11:00 a 14:00 horas, e polas tardes de 16:00 a 20:00 horas, pero o venres ampliará o seu horario vespertino até as 22 horas. Como vén sendo habitual, o centro permanecerá pechado os domingos pola tarde e os luns durante todo o día.

A Casa da Troia é un museo romántico que recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya. Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos.

Na planta baixa está a recepción, antiga zona de paso tanto das persoas como dos cabalos que baixaban ás cortes. No primeiro andar atópase o antigo salón-comedor, tamén habilitado como lugar de estudo. No segundo piso están os dormitorios, e no ático a cociña. A casa está ambientada con mobles e útiles da época. A maior parte do mobiliario foi adquirido polo fundador do museo, Benigno Amor Rodríguez, á familia de Jacobo Gil Villanueva, reitor da Universidade de Santiago a finais do século XIX.

O museo dispón dunha biblioteca histórica, que se compón de exemplares de distintas edicións da novela La Casa de la Troya, así como de publicacións de autores relacionados coa obra de Pérez Lugín como Valle-Inclán, Camilo Bargiela, Manuel Casás, Enrique Labarta, etc., e outras de temática compostelá.

Compartir: