CENTROS SOCIOCULTURAIS

Diversión en Cerceda, un roteiro xeolóxico e xogos tradicionais, entre as próximas propostas de "Vive o verán"

17/07/2013 Continúan as actividades do programa Vive o verán 2013, da Concellería de Centros Socioculturais. O xoves 18 de xullo, un grupo de 115 rapaces de 7 a 14 anos participarán na segunda saída ao Parque Acuático de Cerceda, onde pasarán unha refrescante xornada. Estarán no parque dende as 11:30 ás 20:00 horas.

Na mesma tarde, un grupo de 20 persoas participará no roteiro Mirar a terra, con saída ás 17:00 horas da carballeira de San Lourenzo. Conducidos por Jesus Alcaide e coa axuda de varas de zahorí, os camiñantes localizarán vías de auga subterránea, fallas e liñas Hartman, sentido así a terra a través desta práctica xeobiolóxica.

Xogos tradicionais trasladados á Alameda
O venres 19 de xullo, a actividade de xogos tradicionais que estaba prevista na explanada da Casa das Asociacións de Cornes trasládase ao Parque da Alameda (zona do palco da música), buscando un lugar mais fresco para os rapaces.

A actividade realizarase de 11:00 a 13:00 horas e a participación é libre e gratuíta. Acudirán os 60 nenos da actividade Mañás de verán dos centros socioculturais de Vite e de Santa Marta, pero igualmente todas as persoas que se acheguen á Alameda.

A xornada está conducida por responsables da Asociación de Xogos Tradicionais de Compostela, apoiados por monitores de tempo libre dos centros socioculturais.

Compartir: