MERCADOS

Reyes Leis analizou cos gandeiros a situación do recinto feiral de Amio

17/07/2013 A concelleira de Mercados, Reyes Leis, visitou o Mercado de Amio para coñecer o estado actual do recinto e as súas necesidades. Na súa visita reuniuse con membros das asociacións Astragal e Agega, que representan á maioría dos gandeiros que operan cada mércores no mercado, o máis importante de Galicia e un referente tanto en España coma en Europa.

Os gandeiros transmitíronlle á concelleira os principais problemas da instalación actualmente: o mantemento do recinto, o chan das naves sobre o que os animais poden esvarar facilmente, o control e uso das xaulas e o control das transaccións para que se fagan dentro do regulamento do mercado. A concelleira escoitou as súas demandas e explicoulles que dende o Concello se traballará para que a concesionaria do servizo adopte as medidas precisas para solventar estes problemas.

A concelleira Reyes Leis ten previsto reunirse a vindeira semana cos responsables da empresa concesionaria para transmitirlles as demandas dos gandeiros. A intención municipal é que o recinto de Amio poida estar nas mellores condicións posibles para aproveitar tanto as posibilidades económicas da feira como do propio recinto como infraestrutura para a organización de eventos. Este dobre aproveitamento depende da colaboración entre a concesionaria e os propios gandeiros, de quen Reyes Leis quixo destacar a súa colaboración e a súa boa disposición a chegar a puntos de entendemento.

Compartir: