COMERCIO

O Concello amosa a súa dispoñibilidade a potenciar o mercado "Entre lusco e fusco"

17/07/2013 A concelleira de Comercio e Mercados, Reyes Leis, visitou o mercado de proximidade Entre lusco e fusco, que cada martes se celebra no Parque de Belvís. A edil expresoulle o seu apoio aos comerciantes desta feira e comprometeuse a estudar con eles fórmulas de promoción do mercado, dos seus produtos de temporada e das súas actividades divulgativas.

Unha das propostas apuntadas por Reyes Leis é a de facer mercados itinerantes por barrios da cidade. Trataríase de buscar unha ubicación idónea para as diferentes épocas do ano.

Outra das cuestións a abordar é a adecuación deste mercado Entre lusco e fusco á normativa actual. Así, o Concello traballla para incluílo nun marco especial que facilite a súa regularización.

O mercado
Entre lusco e fusco é un mercado de serán de produtos locais, ecolóxicos, artesáns e de comercio xusto en Santiago de Compostela. A idea naceu da necesidade de ofrecer unha alternativa real para as persoas que teñen horario de oficina, que estudan polas mañás ou que simplemente non poden acudir aos mercados locais composteláns nos seus horarios de negocio.

É un espazo onde mercar alimentos básicos, como produtos de horta, legumes e froitas, locais e de calidade. A potenciación da economía local desde o punto de vista do consumo é outro dos eixos fundamentais deste proxecto. De forma paralela, intégranse no mercado actividades de divulgación do consumo responsable (obradoiros, charlas, etc) e mesmo se realizan mercados de troco e outras iniciativas semellantes que axudan a dinamizar e concienciar ao tempo.

Compartir: