CENTROS SOCIOCULTURAIS

Renovados 70 ordenadores nas aulas de informática dos centros socioculturais

17/07/2013 Rematouse a instalación dos novos equipos informáticos na rede de centros socioculturais, de xeito que estarán listos para o inicio do novo curso. Así, foron postos a disposición dos veciños nos centros 70 ordenadores, que substitúen os máis antigos da rede, tal como anunciara o concelleiro de centros socioculturais, Francisco Noya, atendendo a demanda das asociacións veciñais.

Seguindo criterios técnicos de obsolescencia e tamén de maior demanda no uso dos ordenadores e, polo tanto, das aulas de informática, renováronse equipos tanto en centros rurais (Laraño, Nemenzo, Bando, Villestro, Marrozos, A Gracia e A Peregrina) como urbanos (Conxo, O Ensanche, As Cancelas, San Lourenzo, O Romaño, A Rocha, Vidán e Meixonfrío).

A antigüidade dos equipos substituídos era duns 15 anos. Tiñan como sistema operativo o Windows 2000, o 98 o incluso algúns a versión 95, o que dá unha idea do procesador ou da memoria que podían ter, moi lonxe dos requirimentos mínimos actuais.

A Rede de Centros Socioculturais e a Casa das Asociacións de Cornes contan cuns 363 ordenadores, tanto para a realización de cursos como para uso libre. Tras este investimento, todos os equipos están actualizados, polo que se pode ofrecer un servizo ao público de maior calidade e un abano máis amplo de actividades entorno ás tecnoloxías da información.

Compartir: