CULTURA

Rosalía de Castro e a percusión protagonizan unha nova xornada do festival Via Stellae

15/07/2013 Mercedes Hernández (soprano) e Fernando Reyes (tiorba e guitarra), homenaxearán no festival Via Stellae á poetisa Rosalía de Castro con motivo dos 150 anos da primeira edición de Cantares Gallegos. Será este martes 16 de xullo, ás 19:30 horas, no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia), con entrada de balde previa recollida de invitación no Teatro Principal. E dúas horas máis tarde, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) concerto do Grupo Residente de Percusión do FIP.

Cantos e romances de Galicia: coplas, alalás, cantos de pandeiro, de berce, de cego, de romaxe, muiñeiras..: o canto do pobo transfigurado en canto poético. O Paraninfo da Universidade acollerá este singular concerto, que forma parte da oferta de concertos con entrada libre do festival Via Stellae. Para asistir o público deberá recoller a invitación no Teatro Principal (as localidades aínda dispoñibles poderán recollerse no lugar do concerto unha hora antes do comezo. As invitacións para os concertos gratuítos son válidas ata 10 minutos antes da hora de inicio de cada concerto. A organización resérvase o dereito a empregar as localidades non ocupadas 10 minutos antes do inicio dos concertos con entrada libre.

Rosalía de Castro, é, sen dúbida, a escritora máis importante da literatura galega de todos os tempos, e, xunto con Bécquer, o cumio do romanticismo literario castelán. Cantaba e tocaba varios instrumentos e esta boa formación musical foi esencial na súa grande habilidade para o cultivo do verso e da prosa rítmica. En Cantares Gallegos, Rosalía retoma a perdida tradición das Cantigas, que na Idade Media fixera da lingua galega o medio de expresión artístico-musical por excelencia en toda a Península Ibérica, para devolverlle ao idioma de Galicia o esplendor que nunca debera ter perdido.

Os interpretes recrean os Cantares de Rosalía e toman dos cancioneiros musicais populares as melodías e ritmos das cantigas nas que ela se inspirou. Complétase o programa con outros cantos antigos de Galicia a xeito de contextualización.

FIP
Un grupo de músicos galegos, unidos pola súa paixón pola percusión contemporánea, forman un grupo itinerante que fixo posible que percusionistas de todo o mundo visitasen Galicia para ofrecernos a súa visión do panorama mundial da percusión. Dende aqueles inicios hai 15 anos e grazas á constante evolución dos seus membros, están agora presentes en diferentes orquestras españolas e europeas e forman parte de numerosas manifestacións artísticas nutrindo o panorama cultural de novos percusionistas. Proxectos como o Festival Internacional de Percusión (FIP), Merzapercusión, Odaiko Percussion Group ou Perkuka son un exemplo das manifestacións que xorden desta unión constante e que os leva ser pioneiros en moitos proxectos.

Mesturas, remexendo nas raíces do contemporáneo homenaxea a compositores que traballaron dende a matriz rítmica e sonora máis simple e ancestral da percusión, para elaborar o que se presenta como unha mestura de sonoridades unidas polo fundamento da súa composición. Entrada libre prevía recollida de invitación na billeteira do Teatro Principal.

A percusión é o instrumento máis ancestral xunto coa voz; a súa evolución sempre estivo ligada ao ser humano, xa que este empregouna en ritos folclóricos, chamadas, ritos, bailes, traballos de campo… De elementos naturais como a madeira, auga, barro, peles, etc., están feitos os instrumentos que nos trasladan a un pasado que non fai máis que asentarnos no presente e marcarnos o futuro.

Direccións relacionadas



Compartir: