EDUCACIÓN

Publícase o listado de admitidos nos servizos de comedor e de madrugadores en nove centros escolares para o curso 2013-2014

15/07/2013 A Concellería de Educación publicou o listado de admitidos nos servizos de comedores e de madrugadores en varios centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela, xestionados polo Concello de Santiago. O proceso de formalización de matrícula do alumnado admitido farase no mes de setembro, unha vez que estea resolto o proceso administrativo de adxudicación do servizo.

Serán nove os colexios cuxos comedores escolares e servizos de madrugadores xestionará o Concello de Santiago por segundo curso consecutivo: Apóstolo Santiago, Ramón Cabanillas, Quiroga Palacios, Roxos, Monte dos Postes, Rodríguez Xixirei, Fontiñas, Vite e Raíña Fabiola. A estes nove centros hai que sumar o CEIP Arquitecto Casas Novoa, que só ofrecerá o servizo de madrugadores. Os servizos de comedor e madrugadores prestaranse os días lectivos do curso escolar 2013-2014, dende o 11 de setembro de 2013 ao 20 de xuño de 2014.

Prezos
Unha vez que se produza a adxudicación do servizo, a Xunta de Goberno Local acordará os prezos por menú a pagar por cada comensal para o curso escolar 2013-2014.

Os usuarios dos servizos deberán efectuar o pago mensual dos servizos solicitados por adiantado, nos últimos cinco días do mes anterior á prestación do servizo. A falta de abono do prezo do servizo nos prazos e condicións establecidos dará lugar, como medida cautelar, á baixa inmediata no servizo.

A Xunta de Goberno Local xa ten aprobadas as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de bolsas de comedor para o alumnado dos centros docentes públicos e privados concertados de educación infantil (segundo ciclo) e de educación primaria obrigatoria do Concello de Santiago de Compostela, para o curso 2013/2014. As bases están publicadas no BOP nº 108, de 7 de xuño de 2013.

A Concellería de Benestar Social poderá becar a usuarios deste servizo, en base ás necesidades económicas destes e en base aos orzamentos, baremos e criterios que para tal fin dispoña esa concellaría, procedendo para iso a asumir o pagamento total ou parcial segundo corresponda por cada usuario becado.

Documentos relacionados



Compartir: