CENTROS SOCIOCULTURAIS

A actividade de baile funky de "Vive o verán" trasládase ao parque da Constitución

15/07/2013 Seguen as actividades do programa Vive o verán, da Concellería de Centros Socioculturais. Unha das novidades desta semana é o traslado ao parque da Constitución (ata agora facíase no parque de Bonaval) das sesións de baile funky. Esta actividade, que se realiza os mércores, de 19:30 a 21:00 horas, é de balde e non precisa inscrición.

Esta semana tamén hai Tai Chi en Bonaval (zona do antigo cemiterio) os martes pola mañá; ximnasia terapéutica os mércores no parque da Alameda (zona de aparellos), de 10:00 a 11:00 horas; e Chi Kung tradicional os xoves pola tarde, de 20:00 a 21:00 horas, no Campus Sur (fronte á Facultade de Química). A estas actividades hai que engadir a exhibición e práctica do xogo Scalextric no Centro Sociocultural do Ensanche o martes 16 e o mércores 17, de 17:00 a 20:00 horas. A entrada é libre e non se precisa inscrición.

Ademais, continúan con moi boa acollida os obradoiros para bebes Medrar en familia A sesión desta semana é o martes 16, ás 11:00 horas, no CSC de Vite, baixo o título Conta ti que eu leo. Tamén seguen as representacións de Chove, obra de teatro para bebés, neste caso o martes 16 de xullo, ás 18:00 horas, no CSC de Conxo, e o mércores 17 de xullo, á mesma hora, no CSC de Vite. Para esta última representación aínda quedan prazas.

Toda a información no Facebook de Vive o verán.

Compartir: