XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o proxecto de excavación arqueolóxica do Castelo da Rocha Forte

11/07/2013 A voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, deu conta dos asuntos tratados na última sesión, entre os que salienta a designación de técnicos municipais para o proxecto de excavación do Castelo da Rocha

As encargadas da supervisión serán a arqueóloga e a arquitecta municipais. Así mesmo, a edila sinalou que xa está aprobado o propio proxecto de excavación presentado pola empresa, que tamén recibiou o visto bo de Patrimonio da Xunta. O vindeiro martes asinarase a acta de replanteo no propio Castelo. Ao proxecto de recuperación do Castelo da Rocha destinará o Goberno de España un millón de euros.

No apartado de subvencións deuse conta da que aporta o IGVS e en virtude da cal se financia o 60%, ata un máximo de 25.000 euros, a Oficina municipal de Rehabilitación, sita na praza de Cervantes e a encargada da tramitación relativa ás Áreas de Rehabilitación Integral. Por outra banda, tamén se deu conta de dúas subvencións concedidas pola Deputación da Coruña para a participación nos X Xogos do Eixo Atlántico, por importe de 5.985 euros, e para o subministro e instalación de vallas protectoras e porterías de hockey a patíns e acondicionamento básico da pista de xogo do pavillón polideportivo do CEIP Apóstol Santiago, por valor de 10.980 euros.

A proposta da concelleira delegada da área de Desenvolvemento Urbano e Sostible deuse luz verde á seguinte cuestión: o profesor Andrés Caamaño Hermida do Centro de Eduación Especial Manuel López Navalón xubilarase en breve e a directora do centro, Fátima García Doval solicitou que se lle autorizase a colocación dunha placa de aceiro en A5 de baixorelieve na estatua homenaxe á comunidade xorda (dúas mans de ferro) que o profesor Caamaño elaborou en 1993 e que está situada en San Caetano.

Por último, a XGL aprobou a proposta de Programa de Voluntariado da Concellaría de Xuventude consistente en dúas accións: unha é un programa de Voluntariado ambiental, acometendo labores de conservación do entorno natural de Santiago de Compostela, en concreto na Carballeira de Tarrío (Carballal) os días 16, 23 e 30 de xullo; a outra é un programa de Voluntariado Linguístico no que os mozos e mozas participantes farán labores de acollida de peregrinos extranxeiros, realizando actividades de interpretación e tradución e ofrecendo a súa axuda e acompañamento entre os días 22 e 31 de xullo. Estes programas terán un custe de 1.501,69 €.

Documentos relacionados



Compartir: