CULTURA

As novas tendencias circenses trasládanse á pantalla do Principal

22/06/2006 O Teatro Principal acolle o venres 23 de xuño a presentación do documental "A cuarta pista", de Pela del Álamo. O filme leva á gran pantalla as novas tendencias circences a partir da experiencia do colectivo compostelá Pista Catro. Conta coa participación de Leo Bassi, Jango Edwards, Xesús Ron, Carlo Colombaioni, Virginia Imaz, Miguel de Lira, Luís Tosar e Alex Navarro, entre outros. A entrada é libre.

"A cuarta pista", é o primeiro traballo como director de Pela del Álamo. No mesmo amosa aos espectadores un documental que fala das novas tendencias do circo. Para iso toma como prisma ao grupo Pista Catro que, tras ter estado espallado polo mundo, curtindo novas técnicas e colaborando con artistas internacionais, atópase agora na capital galega dando forma a un singular proxecto.

Despois de varios meses convivindo co mundo do circo, Pela del Álamo quedou fascinado polo fenómeno chamado "novo circo", un movemento que xurdiu en Europa a finais dos anos oitenta como resposta a un circo en decadencia, que maltrataba aos animais e que estaba ancorado na máxima do "máis difícil aínda".

Coma contrapunto, o "novo circo" combina artes como a danza, o teatro e a música coas disciplinas e técnicas do circo clásico e, sobre todo, ten a capacidade de converter calquera espazo nun escenario, sexa un bar, un teatro ou unha praza. Só necesita unha cousa: que alguén estea disposto a rirse.

Neste período, Pela del Álamo deu cun grupo de mozos galegos: o colectivo "Pista Catro". Trátase dun circo que cambia e evoluciona coas entradas e saídas dos seus membros. Un circo ambulante pero sobre todo emigrante, no que os seus compoñentes marchan do país para traballar, para aprender. Da súa estreita relación xorde a idea de empregar os medios audiovisuais para difundir a súa filosofía da risa. Nace así o documental "A cuarta pista". Segundo o directo, o filme fala "do traballo da rúa, de sacar os teus soños adíate" e retrata "un circo espontáneo que busca novos espazos e ao público".

O novo realizador Pela del Álamo traballou en rodaxes de publicidade e de cine (Galatasaray-Depor de Hannes Stohr e Somne de Isidro Ortiz, entre outras). É a finais de 2004 cando arrinca coa preprodución do que hoxe é o seu primeiro traballo coma director. Del Álamo entende o documental coma un medio para deconstruír a realidade en busca de emocións e historias acochadas, considerando a mirada e o posicionamento do autor a base de toda obra.

Na presentación da proxección acompañaron ao director o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e Cou, un dos integrantes de Pista Catro.

Compartir: