TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade en Alemaña

09/07/2013 Turismo de Santiago, a través do Grupo de Cidades Patrimonio, reunirase con axencias e turoperadores de Colonia e Dusseldorf.

Turismo de Santiago, a través do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, estará entre hoxe e o xoves promocionando a cidade en Alemaña, o mercado turístico internacional máis importante para a cidade, tanto en número de pernoctacións como de peregrinos. Segundo o INE, no ano 2011, último dato dispoñible, houbo 54.618 pernoctacións na cidade, unha cifra que previsiblemente se superou no 2012 e que se confía superar tamén neste 2013.

Durante tres días, haberá reunións con axencias de viaxes e turoperadores de Colonia e Dusseldorf, dúas das cidades máis importantes de Alemaña co fin de informarlles das novidades da oferta patrimonial e de ocio que as 13 Cidades Patrimonio españolas prepararon nos últimos meses. Entre as empresas do sector coas que se manterán contactos están Limar Reisen, DER Touristik&Incentives, Conti Reisen, ADAC Reisebüro, Ibero Tours GmbH, Droste Reisen, Ferien Touristik, Sprachcaffe, Traveller Köln, itravel e B&T Touristik.

Esta acción da continuidade ás promocións que o Grupo ven levando a cabo nos últimos anos en Alemaña, e súmase á receente presentación de producto efectuada en Hamburgo no pasado mes de abril e a la presenza en agosto en Frankfurt no Museumsuferfest, a festa ao aire libre máis importante da cidade e que conta cunha ampla cobertura mediática.

Compartir: