TURISMO

Área Santiago promocionarase este verán baixo o lema "Muy cerca de Santiago... Sorpréndete!"

08/07/2013 O Grupo desenvolverá en agosto unha campaña en paneis publicitarios dirixidos prioritariamente aos turistas que pasan uns días nas praias próximas pero tamén a poboación local
O Grupo, logo de asinar o protocolo de colaboración entre os 19 Concellos, estudará a forma xurídica máis apropiada para poder recibir financiamento doutras administracións, presentarse a subvencións e desenvolver proxectos conxuntos dun xeito máis áxil

O Grupo Área Santiago desenvolverá en agosto unha campaña publicitaria cun dobre obxectivo: amosar aos turistas das praias de Galicia que visiten Santiago que nos arredores da cidade hai una oferta moi ampla de actividades e atractivos para desfrutar ao longo de todo o ano e darlle a coñecer aos propios habitantes da zona que nos Concellos veciños hai un amplo abano de posibilidades de ocio.

O lema escollido para esta campaña publicitaria é: "Muy cerca de Santiago...Sorpréndete!", en castelán xa que se dirixe principalmente ao turista español habitual. A campaña, financiada conxuntamente polos 19 concellos que forman parte do grupo, concrétase en catorce paneis publicitarios con imaxes de Área Santiago que estarán visibles tanto nos principais puntos de acceso por estrada á zona como nalgúns lugares de praia cun número importante de turistas españois, como Sanxenxo, O Grove ou Baiona.

O Grupo Área Santiago, que se reuniu hoxe no edificio Cersia, acordou tamén estudar a forma xurídica máis apropiada cun triple obxectivo: facer máis áxil a xestión do grupo, poder presentarse a subvencións e concursos, e recibir financiación directa doutras administracións para aqueles proxectos que poidan ser de interese para o desenvolvemento turístico da zona. A intención é que nos mes de setembro poda definirse esta configuración para entrar nas liñas de financiamento das diferentes administracións no 2014.

Coa definición da fórmula xurídica darase un paso máis na colaboración intermunicipal despois de que os alcades de A Estrada, Ames, Arzúa, Boqueixón, Brión, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces asinaran o pasado 27 de maio no Pazo de Raxoi o protocolo de colaboración co que naceu formalmente Área Santiago. Os concellos suman unha poboación de 270.000 persoas, practicamente o 10% da poboación de Galicia.

Compartir: