FESTAS

Os composteláns espantarán os males en 158 fogueiras

22/06/2006 Santiago encherase un ano máis de fogueiras para celebrar o San Xoan. A noite iluminarase co lume purificador dunhas 158 cacharelas e os composteláns vivirán unha festa ancestral que combina o lúdico co gastronómico. Destas fogueiras, 101 arderan na cidade, incluído casco urbano e arredores, mentres que 57 foron as solicitadas nas parroquias do rural. Non faltarán as sardiñas, o churrasco, o viño e, nalgúns casos, a música en vivo para acompañalos.

Entre os escenarios das fogueiras, non faltarán os habituais, coma o alto de Bonaval, a Algalia de Abaixo, a Praza do Matadoiro ou a Praza Irmán Gómez, que traerán luz e calor ao casco histórico. Tampouco faltarán barrios habituais como Amio, Vista Alegre ou San Pedro, nin as parroquias do rural. Todos os seus veciños están chamados a reunirse en torno ao lume e a gozar das festas que nalgúns casos hai preparadas.

Houbo barrios que preferiron adiantar a cita gastronómica, coma foi o caso de Amio ou Meixonfrío, para escapar da subas de prezos da sardiña nestas datas. Outros preferiron pagar algo máis e celebrar o San Xoan na súa data. É o caso de Vista Alegre, onde se honra precisamente a este santo. Farano cunha sardiñada, cun dúo musical e con inchables para os mais pequenos. Tamén haberá sardiñas, churrasco e viño en San Pedro. O toque lúdico darano neste caso os grupos folclóricos do barrio e Os Estalotes. En Conxo, campionato de ludochapa, contacontos, sardiñada e cacharelas diferenciadas para pequenos e maiores.

Son só tres exemplos da animación que terán as rúas e prazas compostelás ao longo desta noite de San Xoan. Unhas 40 sardiñadas acompañarán ás fogueiras na cidade. E outro tanto acontecerá no rural.

Unha ocasión para estreitar lazos de convivencia e renovar unha celebración que arrastra unha longa tradición, aínda que tamén adaptada aos tempos. Variantes existen mesmo na presentación da fogueira: dende as preparadas coidadosamente en torno a un pau central a aquelas que se converten nun simple amoreamento de material queimable, pasando por aquelas que se completan cun boneco no alto.

Rituais e esconxuros

Común é o ritual de saltar as fogueiras para espantar os males durante todo o ano, pero varía o esconxuro que se recita ao dalo chimpo. A partir do "cacharela de San Xoan, que non me coma cadela nin can"as variantes son inmensas, incluso de barrio a barrio ou de persoa a persoa. No rural, mesmo haberá quen pase por riba das cinzas algún dos seus animais domésticos.

Tamén nas parroquias será habitual que o 23 atopemos as casas engalanadas con herbas diversas: fieitos, fiúnchos, herba Luísa, herba de San Xoan, romeu, loureiro, sabugueiro, estalote, cardo…Unha vez secas, protexerán os fogares durante todo o ano. Na Praza de Abastos é posible mercar algún ramiño a mañá do 24. Algunhas destas herbas aprovéitanse e póñense a remollo durante a noite. Ao día seguinte, pola mañanciña, lávase a cara con esa auga. Neste caso tamén abundan as variantes purificadoras.

Igualmente son moitas as lendas que aínda subsisten ao redor desta noite: trasnos, bruxas, adiviñacións, feitizos para namorar…Cuestións de crenzas hoxe case apartadas en prol da variante lúdica da festa. Unha noite para gozar, pero con precaucións, segundo as normas publicadas polo departamento de Seguridade Cidadá.

Compartir: