XUNTA DE GOBERNO

A Deputación da Coruña achega preto de 10.000 euros para a Escola Municipal de Música

04/07/2013 A voceira adxunta da Xunta de Goberno, María Castelao, deu conta dos acordos adoptados na última sesión. Entre eles a concesión dunha subvención á Escola de Música que permitirá financiar parte da súa programación anual.

Esta subvención concedida pola Deputación da Coruña ten un montante total de 9.825,54 euros e súmase a outra de 975 destinada ao equipamento do centro sociocultural de Santa Marta. Tamén nesta sesión, e detectadas as necesidades de ter uns espazos máis amplos para o desenvolvemento de novos programas do Departamento de Emprego, aprobouse solicitar á Xefatura Territorial da Consellería de Educación a autorización para a desafectación do inmoble do antigo Grupo Escolar de Feáns, sito na parroquia de Villestro. Isto permitirá dispor dun novo equipamento para a realización de obradoiros e xornadas.

O Departamento de Educación en colaboración cos Servizos Básicos de Seguridade vén traballando nos últimos anos na elaboración do Plan de Emerxencia e Evacuación nas Escolas Infantís.
Por isto a XGL aprobou, para operativizar esta necesidade, un proxecto á empresa NORPREVENCIÓN que inclúe:
- Definición e proposta de organización do persoal da Escola Infantil Municipal de Meixonfrío-Salgueiriños para actuar en situacións de emerxencia.
- A elaboración dun documento integrado do plan de emerxencia e evacuación. Manual de autoprotección.
- Elaboración de normas de actuación en caso de emerxencia para persoal do centro. E implantación do Plan de Emerxencia e Evacuación nas escoles infantís.
Este proxecto ten un custo de 453,75 euros.

Xa no apartado das urxencias deuse conta da encomenda de xestión ao Consorcio tanto do asesoramento técnico na concesión de licenzas de terrazas no Casco Histórico, perímezo azul e BIC como da xestión da parte administrativa da xestión do contrato das obras da rúa de San Pedro. Así mesmo, reaxustáronse as anualidades das obras da Praza de Abastos e do contrato de expedientes sancionadores e deuse conta da renuncia do concelleiro Adrián Varela á posibilidade de que o Concello sufragase a súa defensa xudicial.

Documentos relacionados



Compartir: