Venres 10 de febreiro 2006

Axenda

Concertos didácticos no Auditorio de Galicia

O Auditorio de Galicia acolle o venres 10 de febreiro dúas novas sesións dos concertos didácticos, ás 10.00 e 12.00 horas, a cargo
do Cuarteto S@x21.

A dobre sesión está dedicada ás posibilidades técnicas e interpretativas dos saxofóns polo Cuarteto S@x21 no ciclo de Concertos Didácticos

O programa do concerto inclúe as seguintes obras: Shanai de Françoise Rossé para trío de saxofóns altos. Beat me de Bary Crockcroft para saxofón tenor solo. Mysterious Morning II de Fuminori Tanada para catro saxofóns. E New York Conterpoint de Steve Reich para catro saxofóns e cinta pregravada.

Máis alá da tradicional concepción do cuarteto de saxofóns, múltiples combinacións e permutacións instrumentais son a base desta agrupación interesada na interpretación e creación de música contemporánea.

O CUARTETO S@X 21 está formado por: Diego García, Ignacio Casas, Pablo Coello e Rafael Yebra. Os catro imparten clases en distintos conservatorios e escolas de música de Galicia e tamén son profesores das Bandas de Música de Santiago e de Ourense.

Os membros do Cuarteto S@ax21 estudaron en diferentes conservatorios de Galicia e coincidiron durante tres anos nos seminarios permanentes de saxofón que realizaba o profesor Andrés Gomis Mora. Ademais asistiron a disversos cursos de especializacion en saxo e de música de cámara contemporánea no Conservatorio Nacional da Rexión de Burdeos e a diferentes master-classes. Teñen realizado concertos en distintos lugares de Galicia, Zaragoza, Sevilla e Porto e no Ciclo de Música Contemporánea de Ferrol.

Ás sesións deste espectáculo asistirán dous mil rapaces, de 12 a 15 anos, de colexios de Santiago, Ames, Teo, Carballo, Sada, Porriño, Sarria, Caldas de Reis, Rianxo, Pontedeume, Narón, Mazaricos, Val do Dubra, Trazo, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Ferrol, Cambados, Noia, Valdoviño, Moaña, A Fonsagrada, A Baña, e Silleda.

Compartir: