Venres 8 de abril 2005

Axenda

Concerto didáctico de N´Cayman Percussion

Entre as 10 e 12 horas no Auditorio de Galicia.

Concerto didáctico a cargo de N’ Cayman Percussion. Dirixido por José A. Marquina.

Axenda

Semana de títeres no Centro Sociocultural de Vite

Co gallo da celebración do seu décimo aniversario, a compañía "Títeres Cascanueces" realizará varias representacións no CSC de Vite os días 7, 8, 9, 11, 12 e 13 de abril. Ademais, haberá outras actividades, como visitas guiadas á exposición "Viaxar con títeres", charlas e lecturas de textos. As actividades comezarán ás 11 horas.

Programa

Xoves 7
Pasarrúas "O parto de mama Semba"
Visita á exposición "Viaxar con títeres"
Función de títeres "A rúa das pantasmas" (Títeres Cascanueces)

Venres 8
Visita guiada pola exposición "Viaxar con títeres"
Función de títeres "Que pasa na praza" (Pablo Nojes)

Sábado 9
Visita guiada á exposición "Viaxar con títeres"
Charla-Coloquio "O títere galego actual" (Jorge Rei-Cachirulo)
Función de títeres "Un cuento viejo vuelvo a contar"

Luns 11
Visita guiada á exposición "Viaxar con títeres"
Función de títeres "Ikú y Elegguá" (Títeres Cascanueces)

Martes 12
Visita guiada á exposición "Viaxar con títeres"
Lectura de textos para nen@s
Función de títeres "Redoblante y Meñique" (Títeres Cascanueces)

Mércores 13
Visita guiada á exposición "Viaxar con títeres"
Función de títeres "A rúa das pantasmas" (Títeres Cascanueces)
Pasarrúas de clausura

Axenda

Actividades do Centro Sociocultural das Fontiñas

Actividades para o venres 8 de abril.

17.00 h.
O Club dos maiores presentará as actividades do mes.

17.30 h.
Cine Xuvenil. Proxección da película "El bosque".

Axenda

Recital poético na Fundación Granell

O venres 8 de abril ás 19.30 horas, na sala de conferencias do Pazo de Bendaña, celebrarase un recital poético a cargo da poeta mexicana Yla Kazama e do poeta pontevedrés Richard Pazos. Presentarán os libros "Piedras Blancas" e "Lacónicas catarsis", editados pola editorial pontevedresa "El taller del poeta".

Ylia Kazama, seudónimo de María del Carmen Castillo Zago, naceu en México, D. F. e ten ascendencia española e italiana. Viviu en México, Argentina, Uruguay, Italia e España e ten presentado en numerosas ocasions poesías, diálogos e monólogos.

Richard Pazos, poeta pontevedrés, presenta o seu libro de aforismos. Ámbolos dous autores publican o seu primeiro libro.

O acto será moderado e presentado polo tamén poeta Brais Ocampo. Ao remate do recital aqueles poetas noveis que o desexen poderán departir con cos autores, o presentador e tamén co editor, Fernando Luis Perez Poza, sobre o mundo editorial e as posibilidades de publicación de libros de poesía que xa existan na actualidade.

Axenda

Teatro de Ningures pon en escea "Círculo", de Suso de Toro

No Teatro Principal os días 7 e 8 de abril ás 21 horas.

Teatro de Ningures presenta "Círculo" de Suso de Toro, con Sonia Rúa, Santiago Cortegoso, Casilda García, Pepa Barreiro, Francisco Paredes e Salvador del Río. Dirixida por Etelvino Vázquez.

Círculo é unha obra que nos atrapa no seu mundo tecido cos fíos invisíbeis de emocións profundas e perturbadoras. Nela podemos ver o presente, o pasado e mesmo o futuro dos personaxes.

Personaxes feitos de materias de soños ou de lume, aire, terra e auga, como ensina a alquimia. Personaxes con ecos que non se sabe moi ben se veñen do pasado ou do futuro pero que existen no presente. Personaxes con memoria emotiva, biolóxica, mítica e como non histórica. personaxes que aínda estando sós recoñecen o seu dobre, a ese outro que está feito da súa mesma substancia cando o tropeza "casualmente" pola rúa.

En Círculo falamos da esencia do ser humano e desa volta a nós mesmos, dese recoñecermonos no espello que é o "outro", e no espello do outro que somos nós.
Círculo, en definitiva, fala da vida. Vidas que comezan e vidas que rematan, vidas que se entrelazan, ecos de vidas que se escoitan a través do tempo, a través do espacio. Como di Nano "A vida non é como un programa de televisión, todo moitas parvalladas e esas risiñas que poñen artificiais e todo moito no seu sitio. A vida é outra cousa, que nin se pode falar dela, que che queima a lingua se queres falar dela e que a túa boca non pode dicilo (...) A xente quérelle facer unha cirurxía estética á vida (...) O teatro ten cousas que non ten nin ningunha outra cousa, esa como dignidade de plantarse sen escapar a correr".

Axenda

Factoría Teatro presenta "Tío Vania" na Sala Nasa

Os días 7, 8 e 9 de abril ás 22.00 horas na Sala Nasa

Factoría Teatro pon en escea a obra de teatro "Tio Vania", de A. Chejov. Con Anabell Gago, Rocío González, Pilar Pereira, Xan Cejudo, Alfredo Rodríguez, Roberto Leal e Vicente Montoto.

Axenda

Belmondo presenta "Jean Paul"

No Teatro Galán, os días 7, 8 e 9 ás 22 horas.

A compañía Belmondo pon en escea "Jean Paul". Borja Fernández, idea e interpretación. Montse Triola, dramaturxia e dirección.

¿Jean Paul?
...esa Mona Sisa con bigote, esa cabra ambigua de dúas cabezas, ese taxidermista de idiotas, ese retorno ás cavernas vestido de etiqueta, ese secundario nun filme de serie b, ese partenaire do equilibrista do Circo Mundial, ese contraavance tecnolóxico, ese desconfiado da rutina na vida común, ese romántico psicokiller...
Jean Paul, un vermú suave para tempos de crise; xa o di o refrán: "en tempos de crise, conserva a calma".

Compartir: