Os avisos serven para dar a coñecer os comunicados de carácter urxente, licitacións abertas, rúas cortadas ao tráfico e desvíos alternativos.
Filtrar avisos
MEDIO AMBIENTE
Reforzo no servizo de recollida do lixo no casco histórico do 15 de xuño ao 15 de setembro
Como consecuencia do incremento da actividade comercial e hostaleira na tempada de verán no casco histórico, e co obxectivo de mellorar a limpeza e ornato das rúas, o Concello de Santiago reforza este servizo, establecendo unha dobre recollida do lixo dende o 15 de xuño ao 15 de setembro.
Así, os residuos deberán sacarse á rúa en bolsas pechadas e introducirse dentro dos contedores, co seguinte horario:
1.- Vivendas particulares e comercios (agás hostalería): a partir das 20:30 horas.
2.- Locais de hostalería: a partir das 02:00 horas.
O Concello de Santiago agradece a colaboración no cumprimento da norma e o do horario, sen a cal esta dobre recollida non obtería os resultados para os que foi deseñada.
Relación de rúas e prazas con dobre recollida:
San Francisco, Obradoiro, Fonseca, Praterías, Conga, Xelmírez, rúa Nova, Toural, Bautizados, Franco, Raíña, rúa do Vilar, Rodrigo de Padrón, San Clemente, Trindade, Hortas, Pombal e Carretas.
MOBILIDADE
Ampliación dos servizos de transporte urbano ao aeroporto
Desde o pasado 8 de xuño, o servizo de transporte urbano ao aeroporto incrementou en 3 as súas frecuencias diarias, dando cobertura deste xeito ás últimas chegadas de viaxeiros á terminal aeroportuaria. Así, o servizo complétase con estas novas saídas:
Saídas do Aeroporto cara a rúa do Hórreo (est. Intermodal): 23:30, 00:00 e 00:20
MOBILIDADE
Corte de tráfico na rúa da Atalaia coa rúa da Algalia de Arriba
A partir do vindeiro mércores 8 de xuño, a rúa da Atalaia no seu cruzamento coa rúa da Algalia de Arriba quedará cortada ao tráfico por mor das obras de mantemento e reparación do pavimento no recinto intramuros da cidade histórica de Santiago.
A vía permanecerá cortada por un prazo de dúas semanas.
O Concello de Santiago prega á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lles poidan ocasionar.
SEGURIDADE CIDADÁ
Incidencias Policía Local
SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL
Dende as 08:00 horas do día 16/05/2022 ata as 08:00 horas do día 17/05/2022
MOBILIDADE
Servizos especiais de transporte urbano para asistir ao partido de baloncesto no multiúsos Fontes do Sar (sábado 14 de maio)
Con motivo do partido de Monbus Obradoiro o vindeiro sábado 14 de maio ás 20:45 no multiúsos Fontes do Sar, ofrecerase un servizo lanzadeira desde a rúa da Rosa a partir das 19:15.
A liña C11 (circular de Fontiñas) accederá ao multiúsos Fontes do Sar nas viaxes con paso aproximado por Xeneral Pardiñas ás 19:30, 19:45, 20:00, 20:15 e 20:30. As paradas máis céntricas para coller esta liña sitúanse na rúa Xeneral Pardiñas, praza de Galicia, rúa da Ensinanza e rúa Virxe da Cerca.
Ao remate do partido manterase o servizo lanzadeira con destino á rúa da Rosa.
MOBILIDADE
Corte de tráfico na praza da Inmaculada (a partir do luns 25 de abril)
O vindeiro luns 25 de abril producirase o corte da Praza da Inmaculada para a execución dos traballos de mantemento e reparación do pavimento no recinto intramuros da cidade histórica de Santiago de Compostela. A vía permanecerá cortada por un prazo de catro semanas.
O Concello prega á cidadanía que desculpe as molestias que estas alteracións lles poidan ocasionar.
MOBILIDADE
Instalación da sinalización nas rúas de Mallou e Queimada
Tras a petición por parte da Asociación de Veciños solicitando a mellora na seguridade e mobilidade na contorna das rúas de Mallou e Queimada, hoxe venres día 6 de maio rematáronse os traballos de sinalización vertical e horizontal.
Estes traballos executados consistiron na colocación de sinais de circulación e tamén de pintado sobre calzada para que as dúas rúas quedasen nun só sentido de circulación.
A rúa de Mallou, dende o cruzamento coa rúa da Queimada, queda nunha soa dirección, sentido baixada cara a rúa do Cruceiro da Coruña.
A rúa da Queimada queda en sentido subida. Dado que é unha vía con dous carrís, obtouse pola modificación do seu aparcamento que era en liña, pasando a estacionar en batería, o que permite conseguir máis aparcamento e un estreitamento da calzada co motivo de pacificar a circulación.
MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ
Solicitude de tarxetas de residentes das avenida Rodríguez de Viguri e avenida de Lugo (2-31 maio)
A Concellería de Mobilidade e Seguridade Cidadá do Concello de Santiago anuncia a apertura do prazo, dende o 2 ata o 31 de maio, para a solicitude de tarxeta de residente zona verde na Avenida Rodríguez de Viguri, entre os números 1 ao 43, e na Avenida de Lugo, dos números 191 ao 275.
A veciñanza que cumpra os requisitos esixidos pola Ordenanza do Sistema de Ordenación e Regulación do Servizo de Aparcamento de Residentes poderá solicitar o distintivo a través dos rexistros electrónicos das administracións públicas, da sede electrónica do Concello de Santiago e presencialmente na oficina de asistencia en materia de rexistro na rúa Presidente Salvador Allende, 4 baixo.
As tarxetas recolleranse a partir do 1 de xuño nas oficinas de Tussa, Estación Intermodal, na rúa Clara Campoamor.
Para máis información Oficina de Atención ó Cidadán na rúa Presidente Salvador Allende, 4 baixo (teléfono 981 543 128).
MOBILIDADE
Paradas de autobús na zona de Fontiñas e Rodríguez de Viguri
A partir do luns 11 de abril, entran en funcionamento as seguintes paradas:
*Parada 87, na avenida Rodríguez de Viguri (cruce Monte dos Postes, á altura do aparcadoiro de Altiboia), operativa para as liñas 9, 13, C2, C5 e C11, todas circulando cara o centro da cidade.
*Parada 128, na rúa Berlín (centro sociocultural): recuperará o seu emprazamento habitual na rúa de Berlín, antes de que os autobuses continúen pola rúa de Viena. Aquí paran as liñas 9, C2, C5 e C11 tamén en sentido centro.
MOBILIDADE
Publícase a lista de tarxetas de residente que non foron renovadas
O Boletín Oficial da Provincia de hoxe, xoves 7 abril, publica a resolución da Concellería de Mobilidade e Seguridade Cidadá na que se recolle a lista de cidadáns cuxa tarxeta de residente para aparcamento nas zonas verdes e zonas azuis O.R.A. da cidade non foi renovada por non cumprir os requisitos esixidos. Entre as razóns polas que unha tarxeta de residente pode ser dada de baixa atópanse que a persoa non estea inscrita no Padrón municipal de habitantes, un cambio de vehículo ou que non se teña abonado a tarifa anual.
Os afectados que se enumeran na resolución poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición perante o mesmo órgano que o ditou, no prazo DUN MES a partir desta notificación, ou ben impugnalo directamente, no prazo de DOUS MESES directamente ante o Xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela sito no edificio dos Xulgados, rúa Viena, s/n - Fontiñas.
De presentar recurso de reposición, o prazo para recorrer en vía contencioso-administrativo será de DOUS MESES a contar dende o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución expresa do recurso de reposición, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel no que o recurso de reposición debe entenderse presuntamente rexeitado.