Santiago de Compostela é unha cidade cunha longa tradición de acollida a todas as persoas que deciden estudar na Universidade. En consecuencia, ofrece numerosos recursos municipais, doutras administracións, e privados, postos á disposición do estudantado para facer da súa estancia unha experiencia completa e enriquecedora.

Con esta información, o Concello pretende compilar eses recursos, para facilitar o proceso de instalación na cidade e o acceso aos mesmos.

MOBILIDADE

O principal nodo de transporte sitúase na Estación Intermodal, de ferrocarril e autobús interurbano.

Os autobuses urbanos dependen da empresa municipal TUSSA. Na súa web e na app MáisBus poden atoparse liñas, paradas, tarifas e incidencias. Algunhas das liñas máis relevantes son a 1 (norte-sur, con remate ou orixe no Hospital Clínico), a 15 (Campus Norte - Praza de Galicia - Campus Sur), as circulares C2 e C4, e a 5, (Campus norte - Ensanche). O autobús 6A conecta directamente co Aeroporto Rosalía de Castro - Lavacolla.

Os billetes e bonos pódense adquirir nos propios autobuses. O billete permite o transbordo gratuíto entre dúas liñas distintas, e os bonos mensuais e ordinarios ofrecen descontos sobre o prezo. Por outra banda, a Tarxeta da Mobilidade de Galicia e a Tarxeta Xente Nova permiten diferentes descontos, e mesmo viaxes interurbanas gratuítas.

A USC, en colaboración co Concello, dispón dun sistema de préstamo de bicicletas eléctricas, éBiciUSC.

BIBLIOTECAS

O Concello de Santiago dispón da Biblioteca Municipal Xosé Saramago na súa rede de Centros Socioculturais, con espazos en Vite, Fontiñas, Conxo, e Santa Marta, e sala de estudo no Ensanche.

Na cidade existen outras bibliotecas, ademais das universitarias, como a Biblioteca Pública Ánxel Casal, ubicada na Avenida de Xoan XXIII; ou a Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia.

SERVIZOS SANITARIOS

As persoas residentes durante máis dun mes por razón de estudos poden conseguir a tarxeta sanitaria de desprazado, e a asignación dun profesional na cidade, acudindo ao centro de saúde máis próximo ao domicilio temporal e presentando un xustificante de estudos. Máis información neste Manual de preguntas frecuentes no ámbito sanitario do Sergas.

O principal centro médico da cidade é o Complexo Universitario de Santiago (CHUS). Conta con Puntos de Atención Continuada (PAC) e servizo de urxencias. Hai, ademais, cinco centros de saúde para atención primaria e consultas xerais: Concepción Arenal (Ensanche, tamén con PAC), Fontiñas, Conxo, Galeras, e Vite.

XUVENTUDE

O Concello conta cun departamento de xuventude, que desenvolve actividades e políticas dirixidas á mocidade entre as que se atopan os Puntos de Información Xuvenil, actividades formativas, o Consello Municipal da Xuventude, o Centro Xove de Creación Cultural, ou os Orzamentos Participativos, que permiten decidir (tamén ao alumnado da USC) as actividades que se desenvolverán durante o ano.

CULTURA

Santiago de Compostela ofrece unha gran actividade cultural, e un inmenso patrimonio histórico e artístico. O Concello conta con instalacións propias como o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, a Zona C, ou a Sala Agustín Magán no CSC de Santa Marta. Na web municipal Compostela Cultura figuran as programacións e informacións máis relevantes programadas polo Concello. Subscribíndose á Axenda C, recíbese a programación mensual por correo ou redes.

A oferta cultural conta con numerosos museos que dependen doutras institucións: o Museo da Catedral, o Museo do Pobo Galego, o Museo das Peregrinacións, o Museo Pedagóxico de Galicia, o Museo-Fundación Granell ou o Museo de Historia Natural da USC. Santiago tamén é a sede da Cidade da Cultura de Galicia e do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), entre outras.

Existen, tamén, varias salas de cine, numerosas galerías de arte, librarías e salas de concertos.

De xeito periódico, celébranse diferentes eventos culturais, como festivais de cinema (Amal, Curtocircuíto, Cine Europa, Cinema Etnográfico), literatura (SELIC, Feira do libro), música (Son do Camiño, De lugares e órganos, Xornadas de Música Contemporánea, Atardecer no Gaiás), artes escénicas (Galicia Escena, Teatro Afeccionado, Galicreques, Festival C), debuxo (Compostela Ilustrada) ...

IGUALDADE

O Concello de Santiago promove actuacións para consolidar unha cidade máis inclusiva e segura, e con espazos para atender ás mulleres e aos colectivos máis vulnerables.

O Centro de Información ás Mulleres oferta apoio e recursos en diversos ámbitos da vida, como dereitos laborais, igualdade de xénero, violencias de xénero, saúde sexual e reprodutiva… A Casa Xohana Torres funciona como centro de apoio e asesoramento para as mulleres en orientación laboral, xurídica, e actividades de formación e sensibilización, e é posible reservar os seus espazos.

O Concello conta co Protocolo Troula Segura, para a abordaxe das violencias sexuais e LGTBIfóbicas nos espazos de ocio nocturno, con puntos de atención e comercios adheridos na cidade. Ademais, nas principais festas, o Concello instala Puntos Lila do CIM, que proporcionan información e acompañamento sobre violencias sexuais, de xénero e contra as persoas LGTBIQ+.

EMPREGO

Existen varios recursos e servizos dispoñibles para a busca de emprego e trámites relacionados. A Axencia Local de Colocación ofrece servizos de asesoramento e orientación laboral para persoas en situación de desemprego ou que buscan oportunidades laborais, proporcionando información sobre ofertas de emprego, formación e inserción laboral.

O Servizo Galego de Emprego da Xunta de Galicia conta con dúas oficinas, unha nas proximidades do Parlamento galego e outra nas Fontiñas.

ESPAZOS VERDES

Existen numerosos espazos verdes na cidade e na súa contorna, que poden ser localizados facilmente a través da web de Compostela Verde.

Algúns dos máis coñecidos e utilizados pola comunidade universitaria son a Alameda e o Campus Sur, o Parque da Música no Campus Norte, ou San Domingos de Bonaval. Hai outras zonas verdes no perímetro da cidade, que resultan moi interesantes polos seus valores paisaxísticos, naturais, medioambientais, ou deportivos, como os Parques Eugenio Granell ou Galeras - Finca do Espiño, o Banquete de Conxo, o Bosque de Galicia, os Montes Pedroso e Viso, rutas por sendeiros dos ríos Sar e Sarela ou o Xiro dos Montes, hortas urbanas municipais, ou miradoiros desde o que se pode contemplar a cidade.

CENTROS SOCIOCULTURAIS

Estes espazos de titularidade municipal ofrecen unha variedade de actividades e servizos para a veciñanza, a través de programas de lecer, sociais e de aprendizaxe. Organizan obradoiros, cursos, exposicións, charlas e visitas culturais, e ofrecen espazos para reunións ou áreas de lectura. A rede de CSCs conta con equipamentos nos diversos barrios e parroquias da cidade.

DEPORTES

O Concello dispón de varias instalacións municipais deportivas, como o Multiusos Fontes do Sar e o Complexo deportivo de Santa Isabel. Ambos contan con ximnasio e piscina e poden ser utilizadas mediante abono ou entradas diarias.

As pistas municipais de pádel e tenis (xunto ás piscinas de Sar, e nas Cancelas) ofrecen a oportunidade de xogar a estes deportes. As persoas usuarias poden reservar as pistas ou participar en torneos locais.

A maiores, o Concello conta con outras instalacións deportivas, como campos de fútbol e pavillóns. Entre elas, o Estadio Municipal Vero Boquete, os campos de fútbol de Santa Isabel, As Cancelas, Villestro, ou Belvís, os pavillóns de Fontiñas, Pontepedriña e o Restollal, ou a pista de chave. Algunhas delas poden ser reservadas para a práctica deportiva.

FESTIVIDADES

As principais festas de Santiago de Compostela son a Ascensión (que ten data variable); e o Apóstolo, que ten lugar o 25 de xullo, e se celebra nas dúas últimas semanas dese mes. En ambas festividades ten lugar un programa de festas con atraccións, concertos, pasarrúas e animacións tradicionais, entre outras.

Tamén se celebra como festivo local o San Roque o 16 de agosto, e en función do calendario declárase festivo o San Xoan, 24 de xuño. A maiores, cada barrio e parroquia celebra as súas festas propias, como o San Blas en Sar (2-3 de febreiro), o San Lázaro e a Festa da Uña nese barrio (variable, arredor de marzo), as festas de San Pedro (última semana de xuño), ou a Merced e San Serapio en Conxo (principios de setembro), entre moitas outras.

Existen outras celebracións anuais non relixiosas, como o Banquete de Conxo (abril - maio, recreación do acto democrático reivindicativo celebrado en 1856 coa participación de Aguirre, Pondal e Rodríguez Seoane), ou o Entroido (datas variables), que se celebra cun desfile polas rúas da cidade pero tamén en moitas parroquias. En varias delas, no sur do territorio municipal, consérvase o entroido tradicional dos Xenerais da Ulla.





Compartir: